Case 13.000 estudantes regresarán ás aulas pontevedresas o próximo xoves 8 de setembro
Por Alejandro Espiño
Conta atrás para o inicio do novo curso escolar. Por primeira vez en Galicia todas as etapas educativas comezarán ao mesmo tempo, o próximo xoves 8 de setembro. Serán 311.179 os estudantes que volvan a clase en Infantil, Primaria, Educación Especial, ESO e Bacharelato.
En total, serán 1.591 os centros educativos que inicien a súa actividade en todo o territorio galego, dos que 1.206 son de titularidade pública, segundo os datos que ofrece a Consellería de Educación, que advirte dun descenso xeneralizado da matrícula en todas as ensinanzas, agás na ESO e no Bacharelato, cun lixeiro incremento próximo ao 1%.
No caso da cidade de Pontevedra, o xoves regresarán ás aulas case 13.000 nenos e nenas, concretamente 12.887. Deles, 5.148 cursarán Primaria, 3.988 farano na ESO, 1.931 en Educación Infantil, 1.745 en Bacharelato e 75 en Educación Especial.
Vilagarcía, cun total de 4.763 estudantes; Marín, con 2.783; Sanxenxo, con 2.174; Cambados, con 1.944; ou Poio, con 1.778, son outros dos municipios que contarán con maior número de alumnado na área de influencia de Pontevedra.
En canto ao profesorado, aínda non están dispoñibles os datos definitivos, pero a previsión é que se superen as cifras previas á covid, en termos similares ás do pasado ano académico, coas variacións propias da adaptación ás necesidades de cada etapa.