A Escola de Igualdade María Vinyals dedica unha xornada ao emprendemento feminino e á innovación
Por Oskar Viéitez
A Escola de Igualdade María Vinyals acollerá o vindeiro martes 20 de setembro, nas súas instalacións do Castelo de Soutomaior, unha xornada dedicada ao emprendemento feminino e á innovación.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada da profesora María Cadaval, directora da Cátedra Iberoamericana da Universidade de Santiago de Compostela (USC), presentou este venres en rolda de prensa esta iniciativa na que colaboran ambas as institucións.
Nesta xornada participarán 17 mulleres galegas que son "referentes" na investigación, a transformación dixital ou o emprendemento.
María Cadaval explicou que "na xornada poñemos no centro o objectivo 5 da Axenda 2030, que é transversal, e tocaremos todos e cada un dos outros 16" este obxectivo 5 establecido polas Nacións Unidas nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible refírese a lograr a igualdade de xénero e empoderar a todas as mulleres e as nenas.
"Somos conscientes de que os grandes cambios non se fan de súpeto, pero si paso a paso", remarcou María Cadaval.
A xornada do martes 20 de setembro abrirase ás 9.30 horas cunha mesa na que intervirán Carmela Silva, a propia María Cadaval e a directora desta xornada, María José Rodríguez-Galdo.
De 10 a 11.45 falarase de "Innovación tecnolóxica e xénero" nun foro coordinado por Mar Rodríguez Fernández, experta dixital do sector público. Como relatoras intervirán, María Camacho Gascó, directora de negocio de Plexus TEC; Berta Caro Mirás, directora de Desenvolvemento Corporativo de Tecalis; Ana Malde Lagóstena, xestora de contas de clientes de servizos públicos de Accentura para Galicia, Asturias e Cantabria, e Sandra Castro Álvarez, executiva de contas de Fuell.
De 12.15 a 14 horas, a xornada ocuparase do "Emprendemento feminino e innovación no sector primario", coa coordinación de Carmen José López, avogada e mentora de proxectos na Escola de Organización Empresarial. Contará coas relatoras: Sandra Amézaga Menéndez, empresaria do mar e secretaria da Asociación de Mulleres Salgadas; Elisa Rubí Cano, de Adegas Terra de Asorei e profesora de Química Analítica na USC; Silvia Chaves Freire, xerente de Transportes e Madeiras Chaves, e Teresa Táboas Veleiro, administradora de Sementares.
Pola tarde, de 16 a 18 horas a xornada abordará as "Emprendedoras con formación universitaria que crean tecido empresarial en Galicia", coordinada por Eva López Barrio, responsable do programa Innovatia 8.3 da USC que contará coas intervencións de Catalina Fernández de Ana Portela, directora xeral de Hifas da Terra; Diana Lameiro Aznar, directoral do Centro Lingoreta, e Vanesa Redondo Fernández, promotora de Proplantae.
A conferencia de clausura correrá a cargo de Ampara Alonso Betanzos que é catedrática e coordinadora do grupo de investigación LIDA (Laboratorio de I+D de Intelixencia Artificial) no departamento de Ciencias da Computación da USC.
Carmela Silva lembrou que "o día anterior inauguraremos a exposición 'Pontevedra e América' organizada tamén coa Cátedra Iberoamericana" e na que se recollen as historias de trece mulleres protagonistas da emigración en Galicia.
Relacionadas:
-
Diana Lameiro, talento pontevedrés no Top 100 Mulleres Líderes en España
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A buenense Isabel Pastoriza, Medalla de Investigación 2022 da Real Academia Galega de Ciencias
Por Oskar Viéitez |
-
A Escola de Igualdade dá luz ás referentes femininas na innovación tecnolóxica
Por Redacción |
-
O Goberno de España avala a Axenda Urbana da Deputación de Pontevedra
Por Redacción |
-
Ampliada a liña de axudas da Deputación para formar mulleres adestradoras
Por Redacción |
-
O Goberno da Deputación celebra os 2.555 días nos que buscou "facer de Pontevedra a provincia que queres"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O talento feminino que saca á luz Descúbreas loce no Pazo Provincial
Por Redacción |