Pontevedra aproba a súa axenda urbana entre críticas do PP por ser "vaga y poco profunda"
Unha "folla de ruta" coa que Pontevedra buscará "seguir sendo referente" en mobilidade e deseño urbano. Iso é, segundo definiu, Anabel Gulías, o que ofrecerá a axenda urbana que a corporación municipal aprobou este luns nunha sesión extraordinaria.
Este documento foi o único punto de debate nun pleno que, tras meses de exilio na Deputación de Pontevedra, regresou ao Teatro Principal. Foi aprobado cos únicos votos a favor dos edís do executivo municipal, BNG e PSdeG-PSOE.
A axenda urbana, defendeu Gulías, permitirá a Pontevedra "ir por diante dos desafíos do futuro", apostando por unha urbe cunha maior calidade de vida e unha ecoloxía "de vangarda".
Dous serán os piares desta axenda urbana, un documento "imprescindible" ademais para poder optar a novos fondos europeos: fomentar unha Pontevedra "cada vez máis verde" e seguir estendendo o modelo urbano actual a todo o territorio do municipio.
"Seguiremos apostando por unha mobilidade alternativa pensada para o disfrute do espazo público", reiterou a edil do BNG, que convidou á oposición para realizar propostas "modernas e que vaian cos tempos" para enriquecer esta axenda urbana.
Os populares, a través do seu portavoz, Rafa Domínguez, centraron as súas críticas en lamentar que a proposta presentada polo goberno municipal é "vaga y poco profunda", ao conter frases "genéricas" e non concretar as actuacións que se realizarán baixo o seu amparo.
Os cidadáns, segundo Domínguez, "tienen derecho a saber qué se va a hacer" cando se fala de actuar no eixo Colón-Raíña Vitoria-Eduardo Pondal, na pretendida humanización da avenida de Bos Aires ou na redución de tráfico no Burgo e A Santiña.
O líder do PP apuntou que o "nuevo modelo" urbano que impulsa o executivo municipal "es un error". Co do BNG en 1999 "estamos de acuerdo", segundo dixo, mentres que o actual, que denominou "modelo Reina Victoria", engadiu, "no lo vamos a aceptar".
O edil non adscrito, Goyo Revenga, tamén votou en contra desta axenda urbana por "seguir las mismas ideas" dun modelo "que solo lleva a Pontevedra al abismo".
Relacionadas:
-
Rafa Domínguez reúnese con repartidores a domicilio para buscar solucións que faciliten o seu traballo
Por Redacción |
-
Os pontevedreses "abrasan" a preguntas ao portavoz popular sobre o futuro urbano que contempla o goberno local
Por Redacción |
-
No pleno de setembro aprobarase a axenda que fixará os proxectos de futuro do Concello
Por Oskar Viéitez |
-
Xa en marcha as enquisas de participación cidadá previstas para elaborar a Axenda Urbana
Por Redacción |
-
A cidadanía participará de xeito directo na elaboración da 'axenda urbana' cos retos do futuro da cidade
Por Natalia Puga |
-
Os retos de futuro que Pontevedra plasmará na súa axenda urbana
Por Alejandro Espiño |