Galicia xa vacina contra o virus do papiloma humano aos nenos de 12 anos
Por Redacción
Os nenos galegos de 12 anos son os primeiros de España que empezaron a vacinarse contra o virus do papiloma humano. Fano deste este xoves en toda Galicia.
Ata o de agora, esta vacina administrábase ás nenas, ante a alta prevalencia deste virus sobre o desenvolvemento de cancro de pescozo de útero, pero recentes investigacións revelaron outras implicacións tamén entre os mozos.
Así, segundo explicou a pediatra Carmen Pereiras, que exerce no centro de saúde de Lalín, o cancro de pescozo de pene, o cancro anal ou o cancro orofaríngeo poden ser algunhas das súas derivadas, polo que avogou por avanzar cara a conseguir unha "inmunidade global".
As autoridades sanitarias fixeron un chamamento aos pais para que leven aos seus fillos, pola importancia de que estean "protexidos" contra este virus.
Pediron ademais desterrar a idea de que a afectación do virus do papiloma humano é maior nas nenas que nos nenos, porque estes últimos non están libres de "riscos" nin tampouco de complicacións, que a longo prazo poden ser "realmente graves".
A dose que inxecta Galicia afectará a todos os homes nados desde xaneiro de 2010.