Un pontevedrés investigado na trama de comercio ilegal de arte sacra elude o ingreso en prisión baixo fianza
Por Natalia Puga
O Xulgado de Instrución número 2 de Carballiño, en Ourense, decretou este venres o ingreso en prisión de tres das nove persoas investigadas na denominada operación Cinquecento e Templo Sagrado, centrada nunha trama que supostamente roubaba pezas de arte sacra en igrexas e instalacións relixiosas e logo comercializábaas de forma ilegal en anticuarios e establecementos de similares características.
Nesta operación a Garda Civil detivo ou comunicou que tiñan a condicíon de investigadas nove persoas, das que cinco pasaron este venres a disposición xudicial. Dous delas quedaron en liberdade en calidade de investigadas e a tres enviounas a prisión.
Entre as persoas que foron enviadas a prisión figura un dos catro investigados en Pontevedra, aínda que fontes consultadas por este xornal sinalaron que se trata dunha orde de prisión eludible baixo fianza de 20.000 euros e esta persoa comunicou a súa intención de abonar o diñeiro, de modo que ten tres días para formalizar o pago e poderá esperar ata ese momento en liberdade.
Esta persoa é un home veciño de Pontevedra detido o mércores xunto á súa esposa na súa vivenda da rúa Serra, na que a Garda Civil realizou un rexistro de cinco horas e requisou decenas de pezas de arte sacra, ademais doutras antigüidades e pezas de marfil. No seu caso, está acusado dun delito continuado de receptación por presuntamente comprar pezas roubadas sabendo que non tiñan unha procedencia legal. Está considerado o principal receptador da trama.
Ademais, segundo confirmou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a maxistrada do Xulgado de Instrución número 2 do Carballiño tamén lle atribúe un delito danos en bens de valor artístico, histórico ou cultural.
A esposa deste detido xa quedou en liberdade o propio mércores tamén acusada de receptación e están igualmente en liberdade o resto de pontevedreses detidos. Tamén están investigados nesta operación o propietario dunha tenda de antigüidades a contorna da praza de Méndez Núñez e un vendedor do habitual mercadiño que se celebra na rúa Serra de Pontevedra.
Das tres persoas para as que o xuíz acordou prisión este venres, as outras dúas serían supostamente os autores dos roubos de arte sacra que nos últimos tempos xeraran gran preocupación na provincia de Ourense. Terían esquilmado capelas e igrexas do rural. Segundo o TSXG, estas dúas persoas foron arrestadas no Carballiño e Ourense e están investigadas por un delito de roubo con forza continuado e outro delito de danos en bens de valor artístico, histórico ou cultural.
O paso a disposición comezou ás 9.30 horas deste venres e a media tarde continuaban con xestións no xulgado.
O alcance da operación é autonómico, aínda que ten dous escenarios principais, Pontevedra e Carballiño. En Carballiño foron detidos os dous principais sospeitosos destas actividades ilegais, entre eles, a persoa sobre a que se iniciou a investigación, e en Pontevedra realizouse unha importante redada nun domicilio e un comercio na que se requisaron decenas de pezas de arte sacra e outras antigüidades, ademais de pezas de marfil. Tamén houbo un rexistro nunha causa do Toural, en Vilaboa.
Distintas fontes consultadas indicaron que, tras iniciar a investigación sobre este sospeitoso de Carballiño, ordenáronse escoitas telefónicas con orde xudicial que levaron aos investigadores aos sospeitosos pontevedreses.
Segundo fontes non oficiais, nesta operación teríanse requisado preto dun cento de pezas requisadas, a práctica maioría de arte sacra. O número total de pezas aínda non está contabilizado e está a ser obxecto dun inventario minucioso para determinar a súa procedencia e forma de adquisición.
Esta operación executárona axentes das brigadas de Policía Xudicial de Pontevedra e Ourense, en concreto, os grupos especializados en delitos contra o patrimonio, e contaron co apoio da unidade de seguridade cidadá (USECIC) da Comandancia de Pontevedra. Toda a operación diríxese desde o xulgado de Carballiño, que enviou exhortos a outros xulgados -entre eles os 2 e 3 de Pontevedra- para poder realizar os rexistros xudiciais realizados durante a xornada deste mércores.
Relacionadas:
-
Investigan por tráfico de tallas de marfil un veciño da rúa Serra detido en 2022 por comercio ilegal de arte sacra
Por Natalia Puga |
-
Nove investigados na operación contra o comercio ilegal de arte sacra que requisou decenas de pezas en Pontevedra
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Nove investigados na operación contra o comercio ilegal de arte sacra que requisou decenas de pezas en Pontevedra
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Requisan arte sacra nunha redada con polo menos tres detidos en Pontevedra
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
Requisan arte sacra nunha redada con polo menos tres detidos en Pontevedra
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada