Música de Os Coribantes a cambio dun quilo de comida
Por Redacción
O auditorio do centro Príncipe Felipe de Pontevedra acollerá o vindeiro 28 de decembro o VI Concerto Benéfico Quilo Solidario, que organizan a banda de gaitas Os Coribantes e a Deputación de Pontevedra, en colaboración co Concello de Ponte Caldelas e a cadea de supermercados Moldes. Os alimentos recadados serán repartidos entre o comedor social de San Francisco e os servizos sociais de Ponte Caldelas.
O obxectivo deste concerto é recadar alimentos para as familias máis desfavorecidas, polo que para asistir a este acto será preciso achegar un quilo de alimentos non perecedoiros.
Así mesmo, para todos os que queiran colaborar neste concerto solidario pero non poidan asistir ao concerto, tanto o Concello de Ponte Caldelas como Moldes activan unha 'fila 0' para que poidan facer a súa achega.
O concerto dará comezo ás 19.00 horas e contará coa participación dos cantautores Raúl Cabaleiro e Bernardo Xosé; o grupo de pandereteiras de Ames As Maianas e o propio grupo de gaitas Os Coribantes; así como de Jesús Alonso, Juan Viñas e Silvia María, entre outros artistas colaboradores.
Esta iniciativa, que acada xa a súa sexta edición, conta cada ano cun maior número de participantes. En 2012 superáronse as tres toneladas de comida recollida e este ano aspiran a inrementar esta cifra, segundo indicou este martes a deputada Ana Isabel Vázquez.
No caso dos supermercados Moldes, a achega poderá facerse en calquera dos puntos de venda da cidade de Pontevedra, Ponte Caldelas, Marín e Redondela entre o 16 eo 30 de decembro.