Fernando Pérez, único candidato a presidir o PP de Caldas
Por Redacción
O actual portavoz local e deputado autonómico, Fernando Pérez, é o único candidato a presidir o Partido Popular de Caldas de Reis no congreso local que se celebra o venres 30 de setembro.
Así o ratificou a Comisión Organizadora do Congreso, tras recibir máis do 40% dos apoios dos afiliados locais do partido para formalizar a súa candidatura.
"É un congreso de unidade, de consenso, no que todos temos claro que o único importante é traballar xuntos para garantir o cambio en Caldas de Reis nas municipais do ano próximo", sinalou Fernando Pérez tras a presentación dos avais.
"Temos un obxectivo claro e un proxecto sólido para facer de Caldas de Reis un concello próspero e con máis oportunidades. Somos a alternativa a un Goberno desgastado, sen ideas e sen proxectos, que goberna por inercia", defende o que será candidato popular á alcaldía para un congreso local que "supón unha ocasión importante para ampliar equipos, seguir sumando xente ao noso proxecto e intensificar a nosa presenza na rúa".