"Moitas e ben cheas"
Por Natalia Puga
"O primeiro día foi moi bo. Hai moitas, son boas e están cheas". Maximiliano Blanco é o patrón do ' Tempestad Uno'. Acaba de chegar ao porto do Grove despois de máis de nove horas de marea.
ÿ o primeiro día da campaña de extracción da centolla e, ao igual que o resto de mariñeiros que van volvendo a terra, insiste en que esta primeira xornada fai vaticinar que será a mellor campaña dos dous últimos anos. "Mellor que o ano pasado, e que o anterior, que foron moi malos", explica Paco, patrón do 'Gransolero 6'.
Este mesmo mariñeiro chama, de todos os xeitos, á prudencia. "Hoxe foi moi ben, chegamos ao tope, pero iso non quere dicir nada. Non é como empeza, é como acaba".
Antonio Blanco, subcapitán do 'Arau tres' recoñece, ao tempo que vai descargando a captura, que "dende logo, foi moito mellor que vos dous últimos anos, foran moi malos," pero cre que podería ter ido mellor "se houbese mar de fondo". "Xa se sabe, a río revolto, ganancias de pescadores. Pois coa centola, igual", sinala.
A campaña extractiva da centolla abriuse nas provincias da Coruña e Pontevedra este domingo, pero ata o luns non saíu a faenar ningún barco. Dende esta tarde, os primeiros crustáceos están xa na lonxa. Os primeiros lotes acadaron os 13,75 euros o quilo na lonxa do Grove, aínda que as últimas se venderon a seis.
O primeiro barco en chegar ao porto do Grove foi o 'Ludina'. Saíu ás cinco da mañá e chegou pouco antes das dúas da tarde. A bordo uns 140 quilos de centolla, a cota cuberta, pois ían a bordo tres mariñeiros e as cotas máximas de capturas están establecidas en 35 quilos por embarcación e 35 quilos por cada tripulante. Ademais de abundate, a centolla é boa, "a maioría son grandes e nótase que teñen boa carne, hai moi poucas pequenas".