A tenente de alcalde de Vigo esixe a Mosquera que se "desculpe ante os vigueses"
Por Oskar Viéitez
A tenente de alcalde de Vigo, Carmela Silva, (PSdeG) acusou o deputado nacionalista, César Mosquera, de "actuar como voceiro do presidente da Deputación".
A socialista pediulle a Mosquera que "se desculpe ante os vigueses" por unha intervención súa no Pleno provincial na que dixo que a Deputación non inviste no Concello de Vigo pola "guerra disparatada " entre as dúas administracións.
Lonxe de desculparse, o voceiro do grupo provincial do BNG, reiterou este mércores a súa tese asegurando que "non nos parece correcto e polo tanto poñémolo sobre a mesa", dixo Mosquera "sen botar ás culpas nin a un nin ao outro" o nacionalista mantén que a confrontación aberta entre o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o presidente da Deputación, Rafael Louzán, "non beneficia a ninguén e perxudica aos veciños de Vigo".
Mosquera dixo ser consciente de que estas afirmacións no grupo socialista de Vigo "provocan sarpullidos" pero engade que non houbo "ningunha intención de descalificalo grupo", polo que dixo non entender "esas saídas tan agresivas que rozan o paroxismo", nin que se fale dunha moción de censura urdida entre Louzán e o BNG de Pontevedra, unha idea que cualificou coma "saida de pata de banco".
César Mosquera elevou aos doce millóns de euros a contía dos investimentos que perderon os vigueses nos últimos anos por culpa do enfrontamento institucional entre Concello e Deputación. E citou como exemplo outras "controversias do PSOE" como a saída dos concellos socialistas do consorcio do lixo como exemplo do "rebote" da confrontación que mantén Abel Caballero.