O Concello de Vigo advirte dunha "ameaza de moción de censura" pactada por Louzán e o BNG en Pontevedra
Por Oskar Viéitez
O goberno local de Vigo emitiu un comunicado no que dirixe duras críticas ao voceiro do BNG na Deputación, o concelleiro pontevedrés, César Mosquera, a quen acusa de "actuar como voceiro e apoio do Partido Popular" e no que advirte dunha "ameaza de moción de censura" pactada polo presidente provincial do Partido Popular, Rafael Louzán, e o BNG en Pontevedra.
A reacción do concello vigués, asinada polo tenente de alcalde e secretario provincial do PSdeG, Santos Héctor, é unha resposta ao acontecido no último Pleno da Deputación no que César Mosquera chamou ao diálogo o presidente provincial, Rafael Louzán, e o alcalde da cidade olívica, Abel Caballero, para que rematen coa súa "guerra disparatada" que mantén a Vigo sen investimentos.
O voceiro do PSdeG na institución provincial e concelleiro vigués, Santos Héctor Rodríguez, acusou a Mosquera de "actuar como voceiro e apoio do PP" e lle esixiu que explique "por que o BNG de Pontevedra está a pactar coa dereita máis reaccionaria, que é a de Louzán, para seguir quedando nesa cidade co diñeiro de Vigo, que achega 50 millóns á Deputación ao ano e recibe dous".
O enfado dos socialistas aumentou durante o pleno de aprobación do Presuposto cando Mosquera tendeu unha man a Louzán para impulsar investimentos para Vigo por tres millóns de euros, unha oferta que foi aceptada polo mandatario popular que aplaudiu "dispoñibilidade absoluta para traballar" en Vigo cos nacionalistas.
Santos Héctor ve nisto unha "ameaza de moción de censura pactada por concelleiros do PP e o BNG en Pontevedra".
"Non nos van amordazar Louzán nin o PP e o BNG de Pontevedra. Non toleraremos o espolio", advirte o deputado do PSOE nun comunicado remitido dende o Concello.
O secretario provincial do PSOE esixe a Mosquera que explique por que Pontevedra "recibe decenas de millóns" da Deputación mentres este organismo "abandona Vigo", e o acusa de "apoiar que Louzán non invista na cidade" olívica.