Loito en Cotobade pola morte do ex edil Manuel Blanco, ex presidente do Tenorio
Por Redacción
O pasamento de Manuel Blanco Godoy, concelleiro da corporación municipal de Cotobade entre os anos 1983 e 1995 sumiu á vila nun profundo pesar. Foi tamén presidente do Tenorio CF.
Aínda que vivía en Bueu onde tiña un taller de barcos, Manuel Blanco deixou una profunda pegada na súa parroquia, en Tenorio, coa que mantiña claros e continuos vencellos.
"Deixa unha intensa pegada na parroquia de Tenorio e en todo o noso concello pola súa calidade humana, bohomía e amor pola súa terra e a súa xente", destacou o alcalde, Jorge Cubela.
En nome da corporación municipal, Cubela trasladou á familia e amigos o profundo pesar polo falecemento así como unha aperta solidaria "presidida polo cariño e o recoñecemento público que todo o mundo tiña cara Manolo".
"Foi un home bo e xeneroso que sempre estará presente na nosa memoria e na de todo o seu pobo", sentenciou o alcalde.
As exequias fúnebres terán lugar esta tarde, ás 19 horas, na igrexa de San Martiño de Bueu e a súa inhumación levarase a cabo no cemiterio municipal deste mesmo concello.