Sete obradoiros para formar a 140 desempregados en Caldas e O Salnés
Por Redacción
Preto de 3,5 millóns de euros destinará a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para financiar sete obradoiros de emprego nas comarcas do Salnés e Caldas durante o período 2022-2023 para formar, por espazo de doce meses, a 140 persoas desempregadas.
Estes talleres, financiados con 504.000 euros cada un, comezarán maioritariamente a vindeira semana, segundo explicou o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López.
Na comarca do Salnés, Vilagarcía desenvolverá o obradoiro Forme 2022 cos módulos de Carpintaría e Moble e Albanelería e Acabados, Cambados ten aprobado Rutas de Sendeirismo coas ensinanzas de Albanelería e Carpintaría e O Grove realizará A Lanzada V con formación en Cociña e Operacións de Bar e Restaurante.
A Mancomunidade do Salnés repetirá con Hostalería do Salnés XIV cos mesmos módulos que no Grove ante a demanda na zona para o sector turístico e Vilanova de Arousa levará a cabo Vista Real VIII coas especialidades de Mantemento de Xardíns e Zonas Verdes e Promoción Turística Local e Atención ao Visitante.
Nesta comarca, a Xunta de Galicia investirá máis de 2,5 millóns de euros para formar a un cento de persoas desempregadas.
Na bisbarra de Caldas, terá lugar a iniciativa Os Camiños do Camiño III en Caldas de Reis coas modalidades de Albanelería e Xardinaría-Forestal e Ulla-Umia VI, compartido polos concellos de Moraña e Valga, e que terá as especialidades de Forestal e Carpintaría.
A zona beneficiarase dunha achega de máis dun millón de euros do goberno galego para preparar a 40 persoas.
Estes obradoiros, segundo o delegado territorial, "complementan cun formato distinto, a atractiva proposta da nosa FP e outorga oportunidades laborais a moita xente", que ademais recibirá un soldo durante a súa formación, "nunha época que se presume complicada".
Relacionadas:
-
Showcooking do Nadal a cargo do alumnado do Obradoiro de Hostalería do Salnés
Por Redacción |
-
Moraña logra o seu sétimo obradoiro de emprego e formará 20 persoas en Carpintaría de Madeira e Forestal
Por Redacción |
-
O alumnado do obradoiro de emprego acondiciona varias sendas en Moraña
Por Redacción |
-
Comeza o obradoiro "Rutas de sendeirismo" para 20 persoas desempregadas de Cambados
Por Redacción |
-
Caldas dá a benvida ao equipo do seu terceiro obradoiro de emprego
Por Redacción |