Unha empresa coordinará un "diario de olores" coas queixas da veciñanza de Cantodarea
Por Redacción
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, acompañada dos concelleiros Marián Sanmartín e Manuel Santos, reuniuse este luns pola tarde no Concello coa veciñanza de Cantodarea afectada pola problemática de olores que se vén detectando nos últimos tempos nesta zona.
Na reunión, un representante da empresa Ambiente et odora encargouse de explicar aos veciños como funcionan as problemáticas deste tipo en xeral e expuxo cales serán as medidas a tomar de aquí en adiante: crearase un diario de olor, para despois analizar os datos e finalmente propoñer medidas de acción concretas.
Os diarios de olor consistirán nunha folla na que a veciñanza afectada poida anotar datos relevantes como a data, a hora, o tipo de de olor, a intensidade e outras observacións de cada vez que detecten un cheiro na súa casa. Tal e como explica o representante da empresa, "con todos estes datos, conseguimos informarnos para poder despois proceder á súa análise e ir identificando factores que nos poidan axudar a dilucidar a causa dos olores".
O equipo de Goberno e a veciñanza lembrou que xa no 2014 houbo un episodio similar, no que se detectaron problemas de olores na zona.
A alcaldesa explicou que "nas últimas semanas puxéronse en marcha medidas paliativas de urxencia, como a instalación de desodorizantes en toda a rede de saneamento da zona". Ademais, mañá reforzarase o propio sistema de desodorización do colector da Avenida de Ourense.
"Isto é todo o que podemos facer ata o momento", explica a rexedora, "porque despois teremos datos para analizar cales son os factores, que moito nos temos que serán varios, que desencadean esta situación".