A piloto Paula Soutullo e Lucía Taboada lanzan Aviation Privée, a escola de tripulantes de cabina de Sanxenxo
Por Redacción
A Sala Nauta, situada no Porto Deportivo de Sanxenxo, acollerá este sábado a presentación oficial da escola de tripulantes de cabina “Aviation Privée” fundada pola piloto Paula Soutullo, de Nantes, e a sobre cargo de voo Lucía Taboada, da Coruña. O equipo complétano os sanxenxinos Jose Cacabelos Escudero, de Portonovo; Nerea González, de Dorrón, e Diana Soutullo, de Nantes.
Esta academia homologada terá a Sanxenxo como a súa base de operacións e poñerá en marcha dous cursos: un de tripulante de cabina de pasaxeiros, de dous meses de duración; e outro aviación executiva, de tres semanas, pensado para aqueles auxiliares de voo que queiran traballar en jets privados. Nos cursos impartiranse todas as materias de AESA. A formación complementarase ademais con clases de imaxe persoal e protocolo, aviación privada ou prácticas reais nun simulador de voo entre Canarias e Madrid (viaxe tamén incluída) e outro na contorna de Sanxenxo.
O Concello de Sanxenxo considera “moi interesante” que se amplíe a oferta formativa do municipio con novas disciplinas como a aviación coa que o municipio garda historicamente relación a través dunha figuran tan relevante como o aviador José Piñeiro, nacido en Ferrol, pero asentado desde principios do século XX en Sanxenxo.
Na xornada de portas abertas, Open Day, o equipo directivo realizará unha charla de presentación na que estarán os profesionais da escola. Será a partir das 16:30 horas no Porto Deportivo de Sanxenxo e para asistir recoméndase confirmar asistencia, xa sexa a través de Instagram @aviationprivee ou no whatsapp 604 017 304.
Ademais, durante o Open Day tamén terá lugar a presentación do uniforme oficial da escola e realizarase un sorteo entre os asistentes dun voo de iniciación no aeroporto de Mazaricos