Atenden por inhalación de fume un veciño de Javier Puig tras un incendio no seu piso
Por Diego Torrado & Natalia Puga
Un veciño da rúa Javier Puig de Pontevedra tivo que ser atendido polos sanitarios do 061 cun cadro de intoxicación leve por inhalación de lumo tras declararse un incendio no seu piso. Ao lugar desprazouse unha ambulancia, atendéronlle no interior desta e xa non foi necesario o seu traslado a nigún centro hospitalario.
O suceso aconteceu pouco antes das 16.00 horas deste xoves. Un veciño de Javier Puig chamou a Policía Nacional porque viu saír fume dun piso. Os axentes comprobaron a alerta e pediron a presenza dos Bombeiros.
Segundo indicaron dende o Corpo de Bombeiros de Pontevedra, o lume iniciouse nunha tarteira que quedou ao lume. A peza quedou calcinada e as lapas pasaron á campá extractora e, de aí, a varios mobles que había arredor.
Fontes presenciais confirmaron que a cociña quedou finalmente bastante afectada e, ademais, o lume xerou moito fume. Tanto esa vivenda coma o resto da planta do edificio enchéronse de fume, de modo que os bombeiros tiveron que sufocar as chamas e, posteriormente, realizaron unha ventilación completa.
Segundo indicaron os bombeiros, as tarefas de extinción do lume prolongáronse tan só durante uns minutos, pero logo houbo que ventilar tanto a vivenda na que se produciu o incendio coma o resto da planta, un terceiro piso do edificio número 13 de Javier Puig.
Ao lugar do suceso trasladáronse varias dotacións de Bombeiros e as policías Local e Nacional e unha ambulancia de modo que se xerou unha grande expectación en toda a rúa.