Abre a Unidade de Conduta Suicida na Casa do Mar de Mollavao para dotar os pacientes de ferramentas contra esta tendencia
Por Anxo Lourido
O xerente da área sanitaria José Flores e o delegado da Xunta en Pontevedra, Luís López, inauguraban este mércores a Unidade de Conduta Suicida, un novo servizo asistencial que ocupa o espazo que anteriormente acollía a cafetería da Casa do Mar de Mollavao.
Este espazo presenta agora tres novas consultas nunha zona de 150 metros cadrados, que ofrece unha sala de espera para pacientes, ademais da actual consulta de especialista da área de Psiquiatría da unidade socio-sanitaria. O equipo profesional está formado por un facultativo especialista na área de Psiquiatría, un profesional de Psicoloxía clínica, posto vacante polo momento, e unha persoa encargada de enfermería de saúde mental.
Alfonso José Casas, xefe de Psiquiatría do Complexo Hospitalario, explicaba que este espazo será complementario ás unidades de Saúde Mental co obxectivo de ofrecer as ferramentas necesarias para que os pacientes afronten ás condutas suicidas e limiten o risco evitando dar o último paso.
Atenderá a pacientes de toda a área, que permanecerán ao redor de seis meses cun programa para detectar e aprender fórmulas que permitan afrontar esa conduta con atención tamén destinada a familiares dos pacientes. Segundo explicaba Casas, unha vez superada a situación sería trasladados á atención da unidade de Saúde Mental.
A previsión é que os pacientes procedan dos servizos de Atención Primaria pero tamén doutras fontes como as propias unidades de Saúde Mental ou a área de Urxencias. Neste sentido, sinalou que un terzo das asistencias que se prestan neste servizo en Urxencias da área sanitaria se atopan relacionadas con intentos sucidas, un dato que adoita manterse estable ao longo dos anos.
O xefe de Psiquiatría asegurou que Pontevedra do mesmo xeito que o resto de Galicia e outras comunidades como Asturias e Castela-León ofrecen unha taxa alta de casos de suicido respecto ao resto de España. A principal causa atópase en que existe un amplo número de poboación envellecida en todas estas zonas. Indicou que o suicido consumado está máis ligado ao ámbito rural precisamente debido ao envellecemento e ao illamento mentres que a dirección suicida non letal atópase relacionada co ámbito urbano ao estar máis vinculado á xente nova.
Do mesmo xeito, o perfil habitual sitúase en homes de máis de 70 anos con situación de patoloxía psiquiátrica, depresiva, con problemas de soidade, sufrimento físico ou patoloxías oncolóxicas. En todo caso, sinalou que os patróns non sempre son advertibles. Nun estudo realizado hai anos polo equipo de Psiquiatría comprobaron que a maioría de suicidios consumados relacionábanse con persoas que non acudiran sequera a Atención Primaria. "Son persoas non vistas, non coñecidas", expuxo Alfonso Casas.
Engadiu tamén que a conduta suicida é transmisible, de maneira similar ao que está a suceder no ámbito xuvenil coas condutas autolesivas. Por este motivo, indicou que é necesario falar racionalmente deste problema social pero sen amplificarlo.
As obras de reforma executadas na Casa do Mar de Mollavao incluíron o traslado da sala de descanso e a cafetería do persoal ao andar do semisoto, nas proximidades dos vestiarios deste centro de especialidades. Esta intervención englóbase dentro do Plan de Saúde Mental de Galicia 2020-2024.
Relacionadas:
-
Denuncian esperas de máis dun ano para unha cita nas unidades de saúde mental da área sanitaria
Por Redacción |
-
RADIO.- A psiquiatra Anabel González publica unha guía para "aliviar o malestar psicolóxico"
Por Marisa Ciordia |
-
A Subdelegación acolle unha xornada sobre a prevención do suicidio en vítimas de violencia de xénero
Por Redacción |
-
Inauguran o novo Hospital de Día na entrada a consultas externas do Hospital Provincial
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
"Non eres o que sintes", unha exposición de Olaia Collazo para falar de saúde mental
Por Redacción |
-
Fase final do procedemento administrativo de mobilidade interna voluntaria no Complexo Hospitalario
Por Redacción |
-
José Flores, xerente da área sanitaria, recoñece que a falta de facultativos só poderá resolverse "a medio prazo"
Por Anxo Lourido |