Concentración de CCOO ante a Cámara de Comercio para reclamar suba de salarios e control dos prezos
Por Anxo Lourido
Delegados do sindicato Comisións Obreiras en Pontevedra realizaban este venres 7 un acto de protesta diante da Cámara de Comercio de Pontevedra situada nos Xardíns de Vicenti. Estaba previsto que acudisen delegados da comarca de UXT, pero finalmente non asistiron a esta cita para sumarse á concentración convocada tamén en Vigo.
A protesta coincide co Día Internacional do Traballo Decente e é a primeira das mobilizacións que se promoven desde CCOO, que terá continuidade con asembleas nos centros de traballo e cunha gran manifestación en Madrid o 3 de novembro.
Pilar Mosquera, nova secretaria comarcal de CCOO, demandaba a necesidade de xustiza salarial nun momento de crise económica e social que provocou un crecemento da inflación e do custo da vida desbocados.
"Hai familias que non poden chegar a fin de mes e outras nin aos produtos básicos e iso hai que tentar remedialo", afirmou a representante sindical que demanda ás patronais que retomen as conversacións da negociación colectiva, unha subida dos salarios e o control dos prezos.
Alertan de que na última década se rexistrou un incremento das grandes riquezas mentres que, cada día, pasan 700.000 persoas á pobreza. "A riqueza hai que repartila de maneira que evitemos que as familias con menos recursos poidan chegar ao básico", expón Pilar Mosquera ante un inverno que se presenta complicado: "a xente xa está a falar de suspender as calefaccións porque ten medo a poder pagalas, xente maior e familias con nenos e hai que loitar para que iso non suceda".
Entenden que a subida de salarios tamén contribuiría a xerar consumo e emprego evitando o empobrecemento da clase traballadora.
Relacionadas:
-
Pedro Sánchez insiste no Foro La Toja en que "los más pudientes tienen que arrimar el hombro"
Por Oskar Viéitez |
-
O Consello Comarcal de CCOO de Pontevedra elixe a Pilar Mosquera como nova secretaria xeral
Por Redacción |
-
O líder de CCOO en España apoia as reivindicacións dos traballadores de ENCE e a súa permanencia en Pontevedra
Por Redacción |