Máis de 10.000 tapas vendidas consolidan a Festa das Cunchas na súa segunda edición
Por Redacción
A Festa das Cunchas é xa unha cita consolidada dentro da programación festiva de Pontevedra. Así o confirman as cifras da súa segunda edición, que durante a fin de semana supuxo vender máis de 10.000 tapas de alta cociña.
O Mercado das Cunchas instalado na Praza de España con oito establecementos de hostalería foi, segundo a organización, un "éxito". A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, impulsora do evento, explicou que o mercado foi "un goteo constante de xente nas súas horas de apertura".
Na carpa na praza de España servíronse petiscos salgados e doces e Yoya Blanco considera que as cifras acadadas poñen de manifesto o éxito deste formato que aposta por receitas de alto valor gastronómico e calidade.
Foi, segundo a concelleira, unha exhibición de talento culinario deste evento da marca Pontevedra Capital Gastro que "acabará de convencer aos membros do xurado" de que Pontevedra "debe ser, sen discusión algunha, Capital Española da Gastronomía (CEG) 2023".
Ademais de ser unha edición moi especial por estar a un mes de coñecer se a cidade se converterá en CEG 2023, esta Festa das Cunchas "serviu para amosar o nivel estratosférico dos nosos chefs", sinalou Yoya Blanco, e citou a Batalla das Cunchas, na que venceu o cociñeiro El Cafetín, Rubén González Vallejo e que tamén foi unha homenaxe aos 26 anos de historia do Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Carlos Oroza, ao que se entregou un "merecido" Loureiro de Ouro.
Os artífices deste éxito foron os membros da Banda Cociñas de Pontevedra que, unha vez máis, sacaron á rúa os fogóns dos seus restaurantes para poñer en valor a gastronomía da cidade e elaborar en directo cada un dos 4 petiscos (3 salgados e 1 doce): Iñaki Bretal con Loaira; Rubén González de El Cafetín; Carlos Barreira de Bocarte; Sergio Roma de O Souto; Vicente Tortajada, de La Culpa de la Gula; Marta Santiago de A Fervella; Marta García de Meigas Fóra, e Toño Mora e Andrés Muñoz de O Padal da Santiña.
A festa, homenaxe ao mellor marisco de cuncha da ría (mexillón, navalla, vieira, berberecho, zamburiña, ostrón, ameixa e escupiña), incluíu este ano entre as súas novidades, ademais do Mercado das Cunchas, a estrea dun Circuíto de Orientación Gamificada 'quiztrack' (preguntas e respostas) 'Cidade Candidata a CEG 2023', xestionado a través dunha App e dotado dun mapa, un panel explicativo e diversos puntos de control sinalizados con códigos QR.
Yoya Blanco tamén salienta a boa acollida que tivo o segundo Roteiro de Petiscos, que contou coa participación dunha vintena de establecementos hostaleiros: Casa Durán, Raxería Lola, Casa Verdún, A Batea do Mercado, Restaurante Casa Digna, A Fervella, Adega dos Avós, O Souto, El Cafetín, Croquetería El Crack, Taberna Zentola, Restaurante Bocarte, Hangar 218, La Cata, Meigas Fóra, La Culpa de la Gula, Loaira Xantar, Zona Zero, Sonata e Café Bar 33.
Relacionadas:
-
Cuenca será a Capital Española da Gastronomía 2023 tras impoñerse a Pontevedra e Oviedo
Por Alejandro Espiño |
-
O CIFP Carlos Oroza recibe o premio Loureiro de Ouro na Festa das Cunchas
Por Redacción |
-
A ameixa de Rubén González triunfa na segunda Batalla das Cunchas de Pontevedra
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Vinte locais de hostalería de Pontevedra activan a 'ruta das cunchas'
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
A segunda edición da Festa das Cunchas reforza a candidatura de Pontevedra a capital española de la gastronomía
Por Manu Otero |