A salvadoreña Nancy Evelyn Aparicio estrea a primeira pasantía iberoamericana na Deputación
Por Redacción
Nancy Evelyn Aparicio López converteuse este luns na primeira pasante do programa internacional que convocan a Organización Iberoamericana de Cooperación Intermunicipal (OICI) e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) en facer a súa estadía de prácticas na Deputación de Pontevedra.
A concelleira salvadoreña no municipio de Panchimalco foi recibida pola presidenta provincial, Carmela Silva, a quen anunciou a súa intención de aproveitar este período para conocer as boas prácticas da Deputación e sentar as bases dun proxecto propio de Xestión Cultural e Turística na súa localidade.
Nancy Evelyn Aparicio, que felicitou a Carmela Silva por terse convertido na primeira muller presidenta dunha deputación galega, afirmou estar moi interesada na marca "Turismo Rías Baixas" e amosou a súa confianza en que obterá información práctica moi relevante para desenvolver o proxecto turístico de Panchimalco, un municipio con gran riqueza patrimonial, crisol de culturas, e que cos seus máis de 41.000 habitantes sitúase a só 17 Km da capital salvadoreña. Ademais, dixo sentirse orgullosa de que o 60% do persoal e dos órganos de goberno desta "municipalidade" sudamericana sexan mulleres, a meirande parte mozas.
A pasante salvadoreña estará na Deputación de Pontevedra ata o próximo día 20, completando así a formación teórica que recibiu xa en Madrid e Valladolid. Durante este tempo quedará aloxada na residencia do Centro Príncipe Felipe e a institución provincial atenderá os seus gastos de estancia. O xefe de negociado do Servizo de Asistencia Intermunicipal, Gabriel Rodríguez, xa exerce como o seu titor e, por tanto, comezou a ocuparse da súa rotación polos diferentes servizos, con especial atención aos de Turismo e Cultura.
Na edición vixente do Curso de Pasantías, están a participar un total de 18 alumnos procedentes tamén de México, Ecuador, Costa Rica e Venezuela. O programa de Pasantías en España para alumnado iberoamericano naceu en 2005 no Congreso Iberoamericano de Municipios. Dende entón van 16 edicións celebradas, sempre a partir da colaboración entre a OICI e a FEMP. A Deputación de Pontevedra adheriuse a través dun convenio asinado entre a presidenta, Carmela Silva, e o vicepresidente da OICI e alcalde de Valladolid, Óscar Puente.