Renovan o valado de protección das praias de Major e Areas
Por Redacción
Protexer as dunas das súas praias para mellorar o estado de conservación dos seus hábitats. É o obxectivo das dúas actuacións que puxo en marcha o Concello de Sanxenxo en dous dos seus areais máis coñecidos, os de Major e Areas.
No primeiro deles estes traballos de renovación do valado xa concluíron esta semana.
As obras, que pretendían conservar as dunas grises (hábitat prioritario) e a duna branca (hábitat de interese comunitario), consistiron na retirada do valado actual e na substitución por un novo valado de plástico reciclado de cor marrón con traveseras reforzadas interiormente.
Ademais da reposición, ampliouse o valado 250 metros lineais para frear a deterioración dunar.
A actuación tivo un custo de 24.200 euros, dos que case 20.000 foron subvencionados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural.
Dentro das melloras previstas nos accesos ás praias de Sanxenxo, a próxima semana está prevista a substitución do valado de Areas, ao longo de trescentos metros.
Trátase dun peche en mal estado e que non cumpre a función de barreira requirida.
Os traballos supoñerán a retirada de vexetación invasora. Ademais, instalaranse novos paneis informativos e limparase o sendeiro para mellorar o seu tránsito peonil.
A actuación enmárcase dentro dunha axuda do GALP da Ría de Pontevedra.
Relacionadas:
-
Sanxenxo busca máis civismo para protexer as dunas: "A duna é vida. Non a pises, respéctaa"
Por Redacción |
-
Remata a renovación de 300 metros lineais do valado de protección dunar da praia de Areas
Por Redacción |
-
Inician os preparativos da próxima tempada de praia en Sanxenxo
Por Redacción |
-
O Concello renova o valado de protección dunar da Praia de Major
Por Redacción |