Feridos dous motoristas en accidentes de tráfico ocorridos en Poio e Marín
Por Oskar Viéitez
A Policía Local de Poio informou dun accidente de tráfico rexistrado minutos antes das catro da tarde deste mércores na estrada autonómica PO-308.
O sinistro consistiu nunha colisión entre unha moto e un coche na rotonda do Pazo de Besada. Como consecuencia do impacto o motorista resultou ferido e quedou tendido na calzada sendo trasladado nunha ambulancia do 061 a un centro sanitario.
Segundo a Policía Local de Poio, o accidente ocorreu na Avenida de Andurique e xerou un importante atasco ata que os vehículos foron retirados da calzada.
Non foi o único accidente ocorrido este mércores festivo en Poio, xa que pouco antes das 10.30 horas, na Rúa Esqueiriños, un condutor saíuse da vía co seu coche e derrubou un farol.
A Policía Local iniciou unha investigación para aclarar as causas de sinistro e requirir o pago dos danos causados. "Todo apunta a unha condución temeraria por parte do mozo que conducía o turismo", afirma a Policía Local.
ACCIDENTES EN MARÍN
O Centro de Atención de Emerxencias (CAE) 112 Galicia tamén informou doutro accidente de tráfico cun motorista ferido. Igual que no caso de Poio, o sinistro consistiu nunha colisión entre un coche e unha moto. Ocorreu sobre as 12.15 horas no lugar de Macenlle.
Tamén no concello de Marín, o CAE 112 foi alertado ás 11.50 horas pola caída que sufriu un ciclista no lago de Castiñeiras.
Relacionadas:
-
Fuxe da Policía Local en Combarro cun ciclomotor modificado que alcanzaba máis de 144 km/h
Por Redacción |
-
O Servizo de Emerxencias do Concello de Cambados actuou este mércores en dous accidentes de tráfico con feridos
Por Oskar Viéitez |
-
Mirada pontevedresa sobre o macro xuízo polo accidente do Alvia
Por Natalia Puga |
-
Falece unha muller ao caer o coche no que viaxaba ao río Almofrei e deteñen ao condutor por non ter carné
Por Redacción | Creada e actualizada