Detido un home que distribuía heroína polo rural de Marín movéndose por pistas e camiños
Por Redacción
A Policía Nacional detivo un home que supostamente distribuía heroína por zonas do rural de Marín desprazándose por pistas e camiños para chegar aos seus clientes.
Segundo a información facilitada pola Policía Nacional, o home ten 51 anos e antecedentes policiais previos e nesta ocasión atribúeselle un delito contra a saúde pública na súa modalidade de tráfico de drogas.
Trátase dunha operación realizada polo grupo operativo Local da Policía Nacional de Marín na tarde do xoves 6 de outubro.
A orixe da actuación policial foi unha seria de informacións recibidas na Comisaría de Marín pola presunta actividade ilícita deste home, cuxa actividade "estaba a xerar inseguridade".
Durante máis dun mes, estableceron múltiples dispositivos de vixilancia nas inmediacións do domicilio do investigado na zona rural de Marín que permitiron comprobar a veracidade das informacións recibidas.
Os axentes comprobaron que o sospeitosos saíu adoptando numerosas medidas de seguridade e iniciando a marcha a pé, en actitude vixiante e transitando por camiños entre zona arborizada en dirección cara ao centro de Marín.
A este sospeitoso interceptárono e realizaron un cacheo superficial no que localizaron un envoltorio plástico que tiña unha cantidade reseñable de heroína en roca, que unha vez debidamente cortada para a súa distribución aos consumidores finais, poderían resultar unhas oitenta doses de heroína.
Esta actuación enmárcase dentro do plan operativo de resposta policial ao tráfico retallista e consumo de drogas, que ten como obxectivo principal a erradicación dos puntos negros de distribución de estupefacientes polo miúdo.