As 'Conversas na Ferrería' énchense de anécdotas, de experiencias, e de plans futuros. Os seus protagonistas teñen tres nomes ben coñecidos, non só nos municipios dos que son oriúndos, Sanxenxo, Vilaboa e Poio. Viviron - e nun dos casos segue exercendo ata o próximo maio -, a responsabilidade de ocupar unha alcaldía.
Catalina González Bea foi alcaldesa de Sanxenxo co Partido Popular entre 2006 e 2015 e concelleira desde 1995. Posteriormente retomou a política liderando unha candidatura independente con Xuntos por Sanxenxo, que non obtivo representación. Aos 14 anos comezou a traballar, tocou moitos paus, aínda que co de "redeira" é co que se define. Continúa activa, ou máis ben multiactiva.
José Luis Poceiro Martínez estivo na política municipal outros vinte anos, nas filas do PSdG-PSOE. Catro como concelleiro e dezaseis como alcalde de Vilaboa. Foi en 2017 en PontevedraViva Radio onde dixo que estaba canso da política, dous anos despois poñía fin a esa etapa. Comezou outra, como el quería e que tamén sinalou nestes micrófonos: "quero xubilarme en condicións óptimas".
Este mesmo outubro o alcalde de Poio, Luciano Sobral, anunciaba publicamente a súa decisión de non volver presentarse ás eleccións polo BNG. Con dezaoito anos xa militaba no Partido Comunista; unha actividade clandestina que foi motivo de preocupación na familia Sobral Fernández. A súa primeira acta de concelleiro obtívoa en 1979, en 1995 chegou á alcaldía onde continúa 27 anos despois.
Fálannos dos seus balances políticos, de como as súas familias tamén tiveron que ser parellas, fillos, pais, irmáns, sogros, cuñados... do máximo representante dun concello. "Quen queda contenta é a compañeira", lembra Luís; "a miña reviviu cinco anos" cando llo dixo, apostila Sobral. "Por fin mamá" dixéronlle os seus fillos a Catalina.
Ningún se arrepinte de ter decidido entrar en política. Por momentos a charla asemella idílica."O máis bonito unha vez pasada a alcaldía é poder seguir relacionándote coa mesma xente, dedicándote ao que te dedicabas toda a vida" achega a ex alcaldesa sanxenxina. Pero tamén saen serios consellos: "rodéate da mellor xente e prepárate porque o baleiro é duro".
Luciano (Nito) conta os seus primeiros plans unha vez liberado das obrigacións públicas e lembra afeccións da súa mocidade: 'Camila', a guitarra eléctrica e a maior de todas, o teatro. Sen dúbida, unha charla absolutamente amena que podes escoitar neste podcast.