O alcalde de Vilaboa esixe á Xunta que reforce a seguridade no vial que atravesa Paredes
Por Redacción
O alcalde de Vilaboa, César Poza, mantivo unha reunión co Xefe Territorial de Infraestruturas, dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, para abordar a situación da única estrada autonómica que atravesa Vilaboa, a PO-264, que une Paredes con Arcade por un vial secundario, que "presenta unha acusada inseguridade para a circulación tanto peonil como do tráfico" que se viu incrementado co paso de vehículos pesados.
César Poza acudiu á reunión con diversas propostas de actuación inmediata, entre as que destacan as de calmado de tráfico coa instalación de lombos nos lugares de maior risco para forzar a redución da velocidade onde hai maior circulación peonil, que coincide coa delimitación do núcleo rural de Paredes.
Solicitou tamén o ensanche do vial e a construcción de beirarrúas ou sendas de seguridade peonil, como mínimo nunha das marxes da estrada e a conexión peonil entre o trazado da estrada autonómica PO-264 e a estrada estatal N-550 para posibilitar a conexión coas restantes vivendas e equipamentos ao leste.
Segundo asegura o alcalde, desde a Xefatura Provincial de Infraestruturas remitíronlle directamente á Consellería ao tratarse dunha actuación que excede as competencias do departamento provincial.
César Poza solicitará de inmediato unha reunión coa conselleira de Infraestruturas e daralle traslado da situación de inseguridade que se rexistra no mencionado vial.
"Levamos desde principios deste ano solicitando á Xunta que actúe no tramo desta estrada que pasa por Vilaboa; queremos que fagan un estudio da situación e que asuman a súa responsabilidade para garantir a seguridade neste trazado", afirmou o alcalde.
Relacionadas:
-
Cobres, Toural e Santadrán estrean novas beirarrúas ás beiras da N-554
Por Redacción |
-
Reclaman á Xunta que mellore a seguridade da estrada autonómica que une Paredes con Arcade
Por Redacción |
-
RADIO.- Nito, Catalina e Luís conversan sobre a vida despois de anos nunha alcaldía
Por Redacción |
-
Maica Larriba esixe ao ADIF a limpeza da antiga vía do tren que cruza Vilaboa
Por Redacción |