As Bandas de Música de Cerdedo xa contan coa súa propia praza
Por Redacción
O espazo público anexo á Escola de Música de Cerdedo converteuse na Praza da Música, en homenaxe ás Bandas de Música de Cerdedo. Este sábado inaugurábase coa presenza do alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e os tenentes de alcalde Fernando Vázquez e Lourdes Ovelleiro dentro dos actos programados nas primeiras Xornadas das Músicas da Terra de Montes, que continuará o sábado 22 de outubro en Forcarei.
O integrante máis novo da Banda de Música de Cerdedo, Sergio Bouzas, e o máis veterano, Santiago Lamas, encargáronse de descubrir a placa conmemorativa. Rubén Troitiño, organizador do evento musical, lembrou a todas as persoas que axudaron na creación das bandas de música de Cerdedo e destacou a vocación e o seguimento que se fai da música no municipio.
Cubela, pola súa banda, loubou o traballo que se desenvolve por parte do director e profesorado da Escola de Música de cerdedo ao igual que o interese das familias que apoian as actuacións dos compoñentes da Banda de Música de Cerdedo, que interpretaban o himno galego durante o acto baixo a dirección de José Luis Loureiro.