Semana de chuvias nas Rías Baixas con refachos fortes de ventos do sur
Por Redacción
Esta terceira semana de outubro comeza coa perda de forza progresiva da fronte que irrompía durante o domingo nas Rías Baixas, deixando arredor de 20 litros/m2, aínda que deixará aire frío en capas altas da atmosfera. Espéranse intervalos anubrados e precipitacións xeneralizadas, localmente persistentes na provincia de Pontevedra ao longo da mañá, que irán desaparecendo a medida que se achegue a noite. As temperaturas mínimas permanecerán sen cambios mentres que as máximas ascenderán de forma lixeira situándose entre os 17 e os 22 graos. Os ventos soprarán de compoñente sur, frouxos en xeral, segundo anuncia o servizo de Meteogalicia.
Outra nova fronte irase achegando na xornada do martes 18 a Galicia enviando a borrasca situada preto dos Azores. Entrará polo oeste ao longo da tarde. O día presentarase con intervalos de nubes altas en xeral, achegando nubes cada vez máis activas á zona atlántica con choivas que se iniciarán polo oeste da provincia da Coruña e que irán avanzando cara ao leste lentamente. As temperaturas moveranse entre os 17 e os 24 graos, con valores altos de madrugada. Os ventos soprarán de compoñente sur, fortes tanto na Costa da Morte como nas Rías Baixas.
Desde Meteogalicia alertan da posibilidade de refachos de máis de 80 km/h. no oeste na liña de costa e choivas intensas e persistentes no oeste e no suroeste de Galicia ao final da tarde.
Durante o mércores unha borrasca vai formarse preto da comunidade, ao noroeste da península Ibérica. Entrará unha nova fronte polo suoreste de Galicia con moitas nubes e choivas, máis frecuentes e intensas en en toda a zona das Rías Baixas. As temperaturas estableceranse entre os 16 e os 20 graos, descendendo as máximas respecto dos días anteriores. Os ventos seguirán soprando de compoñente sur con intensidade forte, con refachos moi fortes. Espéranse choivas frecuentes e localmente fortes en áreas do oeste e do sur de Galicia.
A partir do xoves 20 manterase a presenza das baixas presións, con réxime de ventos de compoñente oeste que marcarán a probabilidade de precipitacións significativas alta, especialmente en Pontevedra e A Coruña. As temperaturas situaranse entre os 12 graos de mínima e os 18 de máxima.