A xuíza deixa en liberdade e retira o carné ao condutor responsable do accidente mortal de Ponte Sampaio
Por Natalia Puga
O mozo detido este domingo como presunto responsable do accidente de tráfico no que morreu un mozo de 23 anos en Ponte Sampaio atópase en liberdade. Tras pasar a noite nos calabozos da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, á primeira hora da mañá deste luns pasou a disposición xudicial e a xuíza decidiu deixalo en liberdade.
A maxistrada do Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra, en funcións de garda, acordou, como medida cautelar, retirarlle o permiso de conducir.
O mozo está investigado por un delito de condución baixo a influencia do alcol e drogas tóxicas e por un delito de homicidio imprudente tras constatarse que deu positivo en alcol e drogas tras o accidente.
Tras o accidente, este mozo foi derivado a un centro sanitario porque presentaba lesións leves e, tras recuperarse, foi detido e trasladado á Comandancia.
O accidente do que se lle considera responsable ocorreu sobre as 11.30 horas deste domingo na estrada que comunica Comboa (Soutomaior) con Acevedo (Ponte Sampaio, Pontevedra), pero xa no termo municipal pontevedrés.
O detido conducía un turismo Citroën C-2 no que viaxaban outros tres mozos, entre eles, o falecido. Os ocupantes tiñan entre 18 e 23 anos e eran todos veciños de Soutomaior agás o mozo que resultou falecido, veciño de Cesantes (Redondela).
O vehículo circulaba por unha estrada de curvas, saíuse da vía e acabou despeñándose por un desnivel duns sete metros. No accidente, chocaron cun eucalipto que alcanzou ao novo falecido, que viaxaba no asento traseiro do turismo.