Campo Lameiro duplica as axudas á natalidade e entregará 1.500 euros a partir do cuarto fillo
Por Redacción
O Concello de Campo Lameiro acaba de aprobar a ampliación da axuda de natalidade por fillo nado e empadroado no municipio para o vindeiro ano. Abonará unha axuda de 900 euros en dous anos (450 euros cada ano por un máximo de dous) polo primeiro fillo; 1.100 polo segundo (550 durante os dous anos de vigor da axuda); 1.300 polo terceiro (650 cada ano) e 1.500 polo cuarto (750 por ano) e seguintes.
A Corporación Municipal aprobou nun Pleno Extraordinario a proposta do alcalde, Carlos Costa, para a ampliación da axuda existe ata agora. A ordenanza que estaba en vigor contemplaba unha axuda única de 500 euros por nacemento, pero agora amplíanse con cantidades maiores.
Os concelleiros votaron, por unanimidade, a favor da proposta, que ten un dobre obxectivo. Nestes momentos de especial dificultade económica, busca axudar a aquelas familias que se decidan a ter un fillo e tamén favorecer o empadroamento no municipio.
Costa sinalou que "é un incentivo para que moitos mozos que teñen familia aquí volvan a residir e empadroarse en Campo Lameiro e, ao mesmo tempo, animar a aquelas persoas que queiran formar unha familia poidan facelo con maiores facilidades no noso municipio".
Un dos requisitos obrigatorios fixados pola Corporación é que os dous proxenitores ou adoptantes estean empadroados no momento de nacer a criatura e deberán continuar inscritos no rexistro municipal durante os 3 anos seguintes ao nacemento do bebé. Para as familias monoparentais rexerá o mesmo criterio.
O Pleno Extraordinario tamén aprobou por unanimidade unha reasignación de fondos municipais por importe de 244.770 euros para atender novas necesidades que debe atender así como a modificación da ordenanza fiscal de taxas por dereitos de exames de acceso a algún posto de traballo municipal que quedan finalmente establecidas en 60, 50 e 40 euros, respectivamente, en función da categoría do posto a cubrir.