O PP anuncia a convocatoria do congreso local en Portas
Por Redacción
O Partido Popular de Pontevedra celebrou na tarde deste luns a reunión do comité executivo provincial que, entre outros acordos, aprobou celebrar nos vindeiros dous meses o congreso local do partido en Portas, ademáis dos de Salceda de Caselas e Lalín.
Segundo explicou o presidente provincial, Luis López, coa celebración destes congresos queren "reforzar as estruturas do partido para afrontar as municipais mellor preparados que nunca".
"Hai que crear equipos, con xente que xa estaba e persoas que se están incorporando ao partido; é fundamental mobilizar aos afiliados e simpatizantes e, sobre todo, saír á rúa para escoitar o que precisan e esperan de nós. O PP é un partido de Goberno e presentaremos un proxecto gañador en todos os concellos", dixo o presidente provincial do PP.
Os congresos locais súmanse aos que o partido xa celebrou en Cuntis, Caldas de Reis, Forcarei, Dozón, Redondela e Pontevedra, mentres que en Campo Lameiro a elección do presidente local será este sábado 22 de outubro.
Os criterios para a celebración destes congresos varían, nun casos fanse por propia iniciativa do comité local e noutros só se formaliza unha situación práctica, pero en todo caso o obxectivo é actualizar o partido e ter en todos os concellos equipos "fortes e preparados" para afrontar con garantías as próximas eleccións locais.
López reclamou ao comité executivo a máxima implicación, "necesitamos estar máis activos que nunca. Que en cada aldea da provincia comproben que alí hai unha persoa do Partido Popular comprometida coa provincia", dixo.