Enrique Vaqueiro non será candidato do PSOE á Alcaldía da Lama en 2023
Por Redacción
O actual portavoz do grupo socialista no Concello da Lama, Enrique Vaqueiro, acaba de anunciar que non repetirá no seu intento de chegar á Alcaldía nas próximas eleccións municipais de 2023.
Vaqueiro realizou este anuncio "ante a celebración de reunións dos órganos internos do partido" para a toma de decisións de quen debe encabezar a candidatura do PSdeG-PSOE e para ser "congruente" coas súas promesas electorais.
Así, asegurara que se apartaría da primeira liña en caso de baixar en número de votos con respecto da elección anterior. En 2011 tivera 439 votos, en 2015 sumou 552 e nas últimas municipais de 2019 quedou en 356. Ante o resultado, "teño que cumprir a palabra dada", asegurou.
Nun comunicado, quixo dar as grazas ás persoas que o votaron e tamén a aqueles que o acompañaron nas candidaturas e aos "piares do socialismo" na provincia, o seu secretario xeral, David Regades, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva.
En todo caso, non se irá do PSOE, senón que asegura que estarei "ao dispor do partido", como o estivo nos seus vinte anos de militancia. Ademais, ponse "ás ordes de quen se decida encabece" o proxecto para o ano 2023. "Espero que o meu partido elixa ao mellor candidato e espero tamén que a xente sexa sabia e vote pensando no futuro", engadiu.
Vaqueiro sente unha "gran frustración persoal" ao ver que A Lama non avanzou neste últimos tres anos como se prometeu e mantén os mesmos datos negativos de paro, despoboamento e abandono.
Relacionadas:
-
Iñaki Touriño preséntase como candidato socialista á Alcaldía da Lama
Por Redacción |
-
A Lama destina 45.000 euros a mellorar a iluminación do campo de fútbol de Racelo
Por Redacción |
-
O PSdeG emendará o "desfile das promesas incumpridas" dos Orzamentos da Xunta na comarca
Por Oskar Viéitez |
-
Jorge Canda consolida a maioría absoluta na Lama e o líder do PSOE anuncia a súa dimisión
Por Redacción |
-
Vaqueiro (PSOE) presenta a candidatura coa que busca acabar con 21 anos do PP na Lama
Por Redacción |