O Programa de Detección Precoz do Cancro de Mama leva atendidas a 8.304 mulleres da comarca no que vai de ano
Por Redacción
Entre xaneiro e setembro deste ano 2022 o Programa de Detección Precoz do Cancro de Mama atendeu na Unidade de Exploración de Pontevedra a un total de 8.304 mulleres de 50 a 69 anos da comarca, isto significa un 82% da poboación diana do programa.
Desas mulleres atendidas, máis de 200 foron posteriormente remitidas a unha unidade de diagnóstico e tratamento para completar probas, que confirmaron en 30 casos un cancro de mama.
No que atinxe ao distrito sanitario de O Salnés, este programa prevé explorar entre outubro de 2022 e decembro de 2023 a un total de 9.500 mulleres, arredor do 85 % da poboación diana do programa nesta comarca. Estiman poder detectar ata 31 patoloxías malignas entre mulleres arousás.
Este programa conta con unidades de exploración no centro de saúde de A Parda en Pontevedra, no Hospital do Salnés en Vilagarcía de Arousa e no Hospital do Meixoeiro en Vigo, onde se realizan as probas mamográficas. Tamén contan coas unidades de avaliación radiolóxica, que centralizan a lectura das mamografías e, por último, as unidades de diagnóstico e tratamento, que están integradas polas consultas de Cirurxía e Xinecoloxía dos hospitais públicos da rede do Servizo Galego de Saúde (Sergas).
Os principais obxectivos do Programa Galego de Detección Precoz do Cancro de Mama buscan primordialmente a redución nun 25% da mortalidade por esta doenza nas mulleres.
A Consellería de Sanidade incide na relevancia dun diagnóstico precoz, xa que aumenta ata o 90% as posibilidades de curación, porcentaxe que sobrepasa o 95% cando o diagnóstico se realiza antes de que se faga invasivo.
A citación das mulleres na provincia de Pontevedra é persoal e por concellos, cara a garantir a periodicidade de dous anos do cribado en cada municipio. Dita citación envíase por carta de dez a quince días antes da cita, e nela, especifícase o lugar, día e hora en que se debe acudir á realización da proba mamográfica.
Na mesma carta, facilítase un número de teléfono 981 14 14 14 ao que se poden dirixir as usuarias para se informar sobre cambios de domicilio, solicitar información, ou realizar cambios de cita.
Se a proba resulta negativa, as mulleres reciben o resultado por carta personalizada, recomendándolles seguir no Programa de Cribado e convidándoas a repetir o estudo ao cabo de dous anos. No caso de que sexa necesario realizar máis probas para chegar a un diagnóstico, infórmase á muller por carta certificada e con xustificante de recepción. Nesa misiva, facilítaselles unha cita para seren atendidas nunha unidade hospitalaria de diagnóstico e tratamento e un teléfono de atención directa.
Relacionadas:
-
"Peor que ter un cancro é telo e non saber que o temos"
Por Natalia Puga |
-
A campaña 'Reciclando vidro para ellas' anima á cidadanía a colaborar coa Fundación Sandra Ibarra
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Rotondas decoradas con lazos rosas para conmemorar o Día Mundial contra o Cancro de Mama
Por Redacción |
-
Sobreviventes de cancro saen á rúa para reivindicar que "hai vida despois do cancro"
Por María José Pita |
-
Doce pontevedresas diagnosticadas de cancro viaxan a Asturias para participar nunha competición de 'dragon boat'
Por Redacción |