Doce pontevedresas diagnosticadas de cancro viaxan a Asturias para participar nunha competición de 'dragon boat'
Por Redacción
O deporte non é só competición, tamén hai un eido social que ten moito que ver coa saúde. Así quedou patente este mércores na Deputación durante a recepción ao equipo de “dragon boat” que esta fin de semana viaxará ata Asturias para competir na Copa de España na modalidade de BCS (Sobrevivintes do Cancro de Mama).
Unha equipa formada por unha ducia de mulleres da provincia que naceu da man da Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra e da Asociación de Diagnosticadas de Cancro de Mama e Xinecolóxico (ADICAM) e que conta co apoio da Deputación.
O deputado Gorka Gómez e a deputada Noemí Outeda recibiron a parte das integrantes do BCS Pontevedra: María Teresa Nuevo e Isabel Millán, de Pontevedra; Chus Torres e María del Carmen Buceta, de Poio e Isabel Lema, de Soutomaior. Faltaron á cita, pero estarán a bordo do barco compañeiras de Cangas e Vigo. No acto institucional participaron tamén José María Pazos, directivo do club, e María Martínez, traballadora social de ADICAM.
A viaxe a Asturias é o primeiro desprazamento que realizan fóra de Galicia, pero o BCS Pontevedra xa acadou unha medalla de bronce na súa participación na Copa de España, celebrada no encoro de Verducido no pasado mes de xuño.
Isabel Lema, impulsora do equipo, quixo lanzar “un berro de axuda” a todas as deportistas BCS, para que as institucións e empresas que poidan as apoien.
“Este é un dos actos máis emotivos e fermosos dos últimos anos”, destacou o deputado de deportes, Gorka Gómez. “O cancro de mama ou xinecolóxico así como moitas enfermidades, son desgraciadamente patoloxías que a todos nos tocan cerca”, engadiu.
Gómez quixo felicitar a Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra e a ADICAM por esta “fermosa iniciativa social”. A práctica dunha actividade deportiva vai máis aló do “aspecto físico e da competición” e os beneficios que trae consigo “na mellora da saúde” tamén deben ser valorados. O deputado provincial felicitou as deportistas polo seu “tesón e esforzo” e porque “adestrar, moitas veces non apetece e máis se tes unha patoloxía”.
Dende o club destacan que as integrantes do BCS Pontevedra foron quen de sacar adiante “un gran traballo e nós so estamos detrás axudando co que podemos”. Pola súa banda, María Martínez, de ADICAM, amosouse moi orgullosa dun equipo no que “todo sae do esforzo e o traballo” porque o realmente importante non son as competicións, senón a “continuidade duns adestramentos que pasan así a formar parte do seu tratamento”.
Relacionadas:
-
Libélulas, mulleres que fan equipo contra o cancro de mama
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
O Programa de Detección Precoz do Cancro de Mama leva atendidas a 8.304 mulleres da comarca no que vai de ano
Por Redacción |
-
Dobrete de bronce para o equipo de Dragon Boat de Adicam en competición europea
Por Redacción |
-
O equipo pontevedrés de Dragon Boat BCS toma rumbo cara o Campionato de Europa
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
A EP Ciudad de Pontevedra, mellor club na Copa de España de Barco Dragón
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
Diagnosticadas de cancro de mama e competindo na Copa de España de Barco Dragón de Piragüismo
Por Redacción |
-
A EP Ciudad de Pontevedra organiza unha dobre xornada de Dragon Boat no río Lérez
Por Redacción |