Camilo Macenlle, candidato do PSOE en Bueu, regresa á política 40 anos despois
Por Redacción
Camilo Macenlle xa é oficialmente candidato do PSdeG-PSOE á alcaldía de Bueu. Este sábado a asemblea local ratificou a súa candidatura e logo proclamouse como candidato nun acto que contou coa presencia do secretario xeral provincial, David Regades, e a deputada Paloma Castro.
O acto tivo grande afluencia e ambiente moi optimista. A militancia local estivo encabezada pola secretaria xeral, Rosa Piñeiro; o actual voceiro socialista, José Manuel Vilas, e o histórico dirixente Celso Dopazo.
Arquitecto técnico e director de obras, ten unha longa carreira profesional ás súas costas vinculada ao sector da construción, aínda que dende a última crise reciclouse como empresario da hostalería.
Con 64 anos decidiu dar o paso e retomar unha vocación política que xa o levou a ser concelleiro aos 24 anos, 40 anos atrás. Este sábado presentárono como veciño de Cela e "namorado confeso" dun Bueu que quere revitalizar.
David Regades afirmou que se respiran "aires de cambio en Bueu" e que é preciso dar un novo rumbo ao Concello. Amosouse encantado coa capacidade de traballo de Macenlle, a súa empatía e a capacidade para xerar equipos.
Regades tamén se amosa agradecido polo sacrificio de Macenlle, pois "renuncia a dedicar todo o seu tempo á familia e a gozar da vida, que tiña en mente viaxar e viaxar e que en lugar diso dá o paso involucrándose para loitar en primeira persoa polo futuro do seu pobo.
Camilo Macenlle lamentou a perda irreparable do patrimonio urbanístico de Bueu vinculado ao mar e á industria conserveira para substituílo por espazos urbanos "un tanto insulsos". A pesar diso recalcou que Bueu ofrece unha calidade vida magnífica "pola xente e pola riqueza da súa paisaxe natural".
Comprometeuse a traballar para reactivar a economía e desenvolver un proxecto municipal por e para a mocidade co obxectivo de ofrecer alternativas para que a xeración máis preparada da historia poida concretar as súas expectativas de vida en Bueu, sen ter que marchar a outras localidades.
Deste xeito, xa avanzou que algunhas das súas ideas son explorar a posibilidade de crear unha adega en Cela que comercialice o viño tinto-femia, a construción dunha planta de produción de pellets en convenio coas comunidades de montes da contorna ou a redefinición do modelo turístico apostando pola sostibilidade e a calidade.