A Policía Local e a Garda Civil traballarán xuntas en Poio para a protección das vítimas de violencia de xénero
Por Redacción
Poio converteuse este martes no concello número 16 da provincia en asinar o protocolo de colaboración entre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e a Policía Local no marco do programa de Seguimento Integral das Vítimas de Violencia de Xénero (VioGén).
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu este martes a Xunta Local de Seguridade de Poio na que se subscribiu o protocolo, necesario para formalizar a adhesión do municipio ao Sistema VioGén.
A día de hoxe, e segundo os datos recollidos no Sistema VioGén, en Poio contabilízanse 37 casos activos de violencia de xénero. Esta cifra supón case o 2,7 % dos casos activos na provincia de Pontevedra, onde se rexistran 1.374 casos, con 1.349 vítimas.
Este protocolo asinouse xusto o día que se coñeceu un novo caso de violencia de xénero en Poio, no que un veciño de Pontevedra foi detido por un episodio violento coa súa parella en plena rúa.
Para completar a súa adhesión ao Sistema VioGén, o Concello de Poio deberá asinar agora o convenio co Ministerio do Interior para o acceso ao Sistema de Seguimento Integral en casos de violencia de xénero.
O protocolo recolle o reparto de funcións e asignacións de vítimas entre as Forzas e Corpos de Seguridade e permite establecer un sistema máis áxil de protección. En particular, o protocolo delimita as funcións da Policía Local no ámbito da violencia de xénero e define o seguimento e reparto dos casos, o que permite sumar máis efectivos e recursos á protección das vítimas.
O alcalde de Poio, Luciano Sobral; e o xefe accidental da Guardia Civil en Pontevedra, o tenente coronel Manuel Touceda, asinaron tamén o documento, nun acto no que tamén estiveron a concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas; a concelleira de Igualdade, Silvia Díaz; así como outros mandos da Garda Civil e responsables da Policía Local, entre eles, o seu xefe, Antonio Duarte.
Maica Larriba aproveitou a Xunta Local de Seguridade para agradecer ao alcalde a súa implicación persoal para que a adhesión do concello de Poio ao Sistema VioGén sexa desde unha realidade. "As administracións debemos traballar de maneira coordinada para combater a violencia machista e hoxe coa firma deste protocolo ratificamos esta idea e trasladamos non só ás mulleres de Poio, senón de toda a provincia, o noso apoio", sinalou a subdelegada.
Segundo os datos facilitados por Maica Larriba, o Pacto de Estado contra a violencia de xénero distribuíu entre os municipios da provincia no período de 2018 a 2022 case 2,5 millóns de euros para sufragar actuacións en materia de prevención deste tipo de violencias. Esta cifra elévase aos 40 millóns de euros en toda Galicia. Para a subdelegada, é un exemplo do compromiso do actual Goberno socialista "por apoiar aos concellos nesa labor de acompañamento ás vítimas que levan a cabo".