Convocan folga indefinida nos servizos de axuda no fogar a partir do 2 de novembro
Por Oskar Viéitez
A CIG-Servizos vén de anunciar a convocatoria de folga indefinida no sector de axuda no fogar a partir do día 2 de novembro.
Este mércores en rolda de prensa Diana Rodríguez e Iván Veiga, responsables de CIG-Servizos en Pontevedra, manifestaron o rexeitamento da central sindical ao preacordo asinado por CCOO e UGT que califican coma "traizón" porque contempla subas salariais por debaixo do IPC, introduce unha dobre escala salarial "que suporá unha discriminación en función do concello no que se traballe" e aboca ás traballadoras "á precariedade e a pobreza".
Iván Veiga relatou como o convenio galego de axuda no fogar levaba sen negociarse desde o ano 2011. A patronal intentou eliminalo, e mesmo disolveu a súa asociación en 2012, para poder pasar así ao convenio estatal. Esta pretensión foi frustrada por decisión xudicial.
A partir de aí o convenio subsistiu, ano tras ano, co incremento do IPC anual, un período no que á patronal non lle interesou asociarse de novo, ata chegar ao ano pasado, cando o IPC rematou no 6,5% e terían que aplicalo desde principios deste ano.
Na xuntanza celebrada o pasado 20 de outubro no Consello Galego de Relacións Laborais a patronal propuxo crear unha dobre escala salarial, con dúas táboas diferenciadas. Isto vai provocar, segundo denunciou a CIG, que ás traballadoras dun concello, no que non se vai sacar o novo concurso ata dentro de dous anos, se lles apliquen incrementos salariais do 1% en 2023 e doutro 1% en 2024, mentres que as do concello do lado, onde liciten este ano, van ter incrementos do 3,15% en 2023 e do 3,15% en 2024. Así, unha traballadora terá en dous anos unha suba do 2% e a outra dun 6,30%.
Ademais denunciaron que só se contempla incrementar dos actuais 0,19 a 0,22 céntimos por quilómetro os gastos de combustible durante todo o período de vixencia do convenio, isto é, até 2026. Iso supón que as traballadoras, que xa teñen baixos salarios, terán que poñer dos seus petos o traslado dun a outro domicilio nos seus coches particulares.
Diana Rodríguez rexeitou a "minusvaloración" que sofren os coidados e denunciou que coa sinatura de CCOO e UGT deste convenio, se finalmente se produce, "van condenar ás traballadoras do SAF a un aínda maior empobrecemento e precariedade".
Por iso reclamou o seu recoñecemento social e laboral e animou a todas as traballadoras a que se mobilicen, participando primeiro nas concentracións convocadas para este xoves, diante das empresas, para manifestar o seu "rotundo rexeitamento a este convenio", e que secunden a convocatoria de folga a partir do día 2 de novembro.
Relacionadas:
-
'Son a túa axuda' vai encargarse do servizo de Axuda no Fogar por máis de tres millóns de euros
Por Redacción |
-
Sanxenxo agarda atender 75 familias co novo contrato do servizo de axuda no fogar
Por Redacción |
-
As 28 traballadoras de axuda a domicilio de Cuntis conservarán o seu emprego coa nova adxudicataria
Por Redacción |