Tragsa inicia a eliminación do macropunto de verteduras ilegais en Almofrei
Por Redacción
A empresa pública Tragsa da Xunta de Galicia está a realizar traballos con maquinaria pesada para eliminar o macropunto de verteduras ilegais que se atopa na actualidade no antigo campo de fútbol de Almofrei.
Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade, lograba a colaboración da Xunta, a través da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental para executar estes traballos na parroquia para eliminar un foco de contaminación nos terreos comunais que se vía superada para poder afrontar este labor.
Entre o material, segundo indica o Concello, atópanse rodas, restos de obra e aparellos domésticos que levan nesta zona en pleno roteiro de sendeirismo desde hai tempo provocando unha situación insalubre.
Cubela trasladou á conselleira Ángeles Vázquez as dificultades da Comunidade de Montes, propietaria do terreo, para proceder á retirada adecuada destas verteduras ilegais para o seu posterior tratamento e procedemento de descontaminación.
O alcalde sinala que este espazo, unha vez limpo e rozado, quedará en condicións para que poida ser utilizado con normalidade pola veciñanza e os visitantes.