Antón Louro asegura que as contas para 2014 "non son os presupostos do PSdeG-PSOE"
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
As discrepancias entre os socios de goberno chegan tamén ao orzamento municipal para 2014. Malia ser un documento que foi consensuado entre nacionalistas e socialistas, o portavoz do PSdeG-PSOE e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, asegura que "non son os presupostos do PSdeG-PSOE". Así o manifestou este luns nunha entrevista concedida a Onda Cero Pontevedra.
"Se fixéramos esto exclusivamente en función dos intereses do Partido Socialista, probablemente non teríamos presupostos", afirmou Antón Louro, porque recoñeceu "diferencias sustanciais a todos os niveis" entre o PSdeG-PSOE e o BNG de Miguel Anxo Fernández Lores. Unhas diferenzas que, asegura, "teñen que valer de aprendizaxe para ver que facer no próximo mandato municipal".
Louro explicou que "non vamos romper un goberno que ven funcionando ben", pero insistiu en que o modelo de cidade debe ser "non só para pasear que é o que entenden algúns". Demandou a necesidade de apostar por un modelo de desenvolvemento económico que permita crear solo industrial ou comercial, porque "as veces en Pontevedra botamos eso en falta". E sinalou que malia intentar romper esa inercia "o certo é que non sempre o conseguimos".
En todo caso, Antón Louro destacou que o orzamento que se aprobará a próxima semana recolle o "máximo investimento" posible para "facer cousas" e crear emprego. Afirma que con estas contas búscase "combater os efectos perversos da crise económica, que está pegando duro en moitos fogares pontevedres e temos que amortigualos", axudando a xerar os recursos económicos necesarios para "neutralizar" os efectos da crise económica.
En canto ás partidas destinadas ás concellarías socialistas, o portavoz do PSdeG-PSOE recordou que desde o inicio do periodo de goberno traballan en materia de dinamización económica, especialmente en materia de turismo e deporte, "facendo que Pontevedra atraia turistas e visitantes porque xeneramos actividade económica e emprego". Un binomio, dixo, "que está dando bos resultados en Pontevedra".
LOURO MATIZA AS SUAS DECLARACIÿNS
Posteriormente á emisión desta entrevista, Antón Louro quixo matizar estas declaracións. Asegura que o que quixo dicir é que "logramos un presuposto que non é do BNG nin do PSOE senón do goberno municipal". Ese era un dos seus obxectivos, dixo, que con "renuncia e xenerosidade" por ambas partes, "chegáramos a un presuposto que non estivera moi identificado con un dos partidos", se non que fose o orzamento que necesitan os cidadáns de Pontevedra.