Operativo de tráfico para os camposantos pontevedreses
Por Redacción
A Policía Local ten deseñado un operativo especial de tráfico para que os accesos por parte da cidadanía aos cemiterios de San Mauro e Lérez polo Día de Defuntos sexan o máis áxiles posibles.
Entre o 31 de outubro e o 1 de novembro espérase unha gran afluencia de persoas aos camposantos. No caso de San Mauro, co obxectivo de facilitar o estacionamento a ambos os dous lados da estrada, a Policía Local implantará só unha vía de entrada e outra de saída cara a este cemiterio.
Así, as chegadas a San Mauro canalizaranse desde a rúa San Mauro cara a rúa Camposanto.
Por tanto, quedará impedido o acceso de vehículos desde a rúa Pintor Laxeiro, cuxo tráfico será desviado á altura de Ricardo Portela cara a Virxinia Pereira, antes coñecida como rúa Juan Carlos I.
No caso do cemiterio de Lérez, permitirase o estacionamento no acceso ao camposanto e no propio aparcamento.
Alí, a Policía Local impoñerá un sentido único de circulación de forma que o acceso realizarase polo interior habitual da zona da Piolla e a saída, seguindo esta mesma vía cara a Outeiro, onde se conectará novamente coa estrada de Campo Lameiro.