Quico Cadaval e Celso Fernández Sanmartín celebran o Día de Defuntos no Museo de Pontevedra
Por Redacción
O Museo de Pontevedra vai celebrar o Día de Defuntos de maneira especial, coa presenza de Quico Cadaval e Celso Fernández Sanmartín lendo de maneira libre 'Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete', obra de Castelao.
Será o vindeiro mércores 2 de novembro no Edificio Castelo, con entrada de balde ata completar aforo.
'Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete' é un texto publicado na colección Céltiga de novelas breves en 1922, hai por tanto xusto cen anos, na que un esqueleto exerce de narrador de historias breves xunto aos seus compañeiros de cemiterio.
A obra garda un papel destacado na colección Castelao que custodia o Museo, entre a que se atopa unha edición orixinal asinada, bosquexos, estudos e probas de gravados que incluíu no libro.
Sobre este texto construirán a súa narración o dramaturgo Quico Cadaval e o poeta e narrador Celso Fernández Sanmartín.