Os xardíns das prazas de España e Ourense falan de Samaín
Por Redacción
Os xardíns da Praza de España locen desde hoxe unha terrorífica e orixinal composición de Samaín. Entre os ornamentos inclúense dous esqueletes ataviados con traxes de voda e lentes de sol, os tradicionais calacús, as caveiras e as arañas, unha delas xigante.
Ademais, o Servizo Municipal de Parques e Xardíns tamén preparou outro aterrador escenario na Praza de Ourense, onde unha árbore chea de teas de araña e máscaras preside unha combinación floral na que non faltan os calacús e un esquelete que regresa do outro mundo para dar un par de sustos.
Uns atrezos que se enmarcan na iniciativa municipal Xardíns que Falan, impulsada pola Concellería de Desenvolvemento Sostible para dinamizar as zonas verdes da cidade e convertelas en espazos vivos e interactivos, e que, apenas inaugurados, xa atraían a atención de moitos nenos disfrazados, e tamén de maiores, que se achegaban ata eles para sacar unhas instantáneas que resultan perfectas para esta festividade de Defuntos.
O concelleiro Iván Puentes convidou "a todo o mundo a achegarse ata estas novas composicións, que quedaron de medo, e a inmortalizar este Samaín, nunca mellor dito, cunhas fotografías, e subíndoas ás súas redes sociais cos hashtag #XardinsqueFalan e #SamainPontevedra2022".
Relacionadas:
-
"Éxito de participación" no Samaín de Salcedo organizado pola Asociación Cultural Casa Verde
Por Redacción |
-
Os calacús volven para alumar a noite máis terrorífica do ano
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Os xardíns de Pontevedra exhiben o seu Orgullo e xa pensan no novo contrato de mantemento para xullo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |