A campaña de prevención e concienciación polos lumes forestais chega ao colexio de Seixo
Por Redacción
A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural e da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade, está a impartir novamente, co gallo do inicio do presente curso académico, accións de concienciación e formación entre toda a poboación escolar para sensibilizar na prevención dos lumes forestais.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, asistiu esta mañá a unha destas xornadas didácticas, acompañando a membros da base helitransportada do Campiño, que celebraron unha nova sesión no CEIP de Seixo, no Concello de Marín, na que participaron os 150 alumnos deste centro público.
“É fundamental sensibilizar e informar os cativos, como xeracións que sosterán o futuro de Galicia, da importancia da preservación dos montes e da divulgación da cultura forestal e dos riscos, en todos os eidos, así como das perdas económicas, ecolóxicas e culturais que supoñen os incendios forestais”, explicou o representante autonómico.
A actividade desenvolvida no centro marinense, impulsada polo distrito forestal no seu plan de divulgación, contou coa participación dun axente ambiental, unha brigada de bombeiros forestais e un vehículo motobomba e centrouse na concienciación sobre os lumes forestais e a necesidade de erradicalos para conservar axeitadamente a biodiversidade, a capacidade produtiva do monte, o medio natural e a calidade das augas, entre moitas outras cuestións.
Esta formación, que xa se desenvolveu en anos anteriores entre o alumnado de educación infantil e primaria, estenderase nesta ocasión por toda Galicia con 304 charlas, 16 por cada distrito forestal.
Estas actividades didácticas compleméntanse co programa “O Monte Vivo”, incluído no Plan Proxecta+ da Consellería de Educación e que consiste na realización de actividades de protección do medio natural cos estudantes de nove centros educativos emprazados no medio rural e situados en concellos declarados como zonas de alto risco de lumes forestais.
Cómpre sinalar que a Consellería do Medio Rural tamén desenvolve outros programas e medidas nesta materia dirixidas ao resto da poboación, como o plan de formación de veciños de zonas rurais, enmarcado no Pladiga e centrado na colaboración en accións de prevención, e as campañas de difusión nos medios de comunicación para impulsar a sensibilización social.
Relacionadas:
-
O Concello inicia a aprobación do novo plan de actuación municipal contra incendios forestais
Por Oskar Viéitez |
-
A operación 'Centinela Gallego' pecha a súa última campaña con máis de 80 avistamentos de incidentes
Por Redacción |
-
A UME instala a súa base en Figueirido para ser "punta de lanza" contra os incendios en Galicia
Por Redacción |
-
Comeza a época de alto risco de incendios forestais
Por Redacción |