Turismo Rías Baixas busca atraer máis visitantes estranxeiros, turistas que gastan tres veces máis que os nacionais
Por Redacción
Aumentar exponencialmente a chegada de visitantes internacionais e potenciar ao mesmo tempo o turismo nacional e de proximidade con mellores ofertas e servizos. ÿ o obxectivo que se marcará Turismo Rías Baixas para 2014. Así o sinalaron Rafael Louzán e José Manuel Figueroa tralo encontro que mantiveron este martes cos 60 bolseiros contratados este ano como axentes turísticos destinados nas oficinas de información.
Na actualidade, o 83% dos turistas que recibe a provincia de Pontevedra son nacionais e un 17% estranxeiros. A media de gasto diario dos turistas españois é de 32 euros, mentres que os estranxeiros gastan máis ou menos 102 euros ao día. E segundo os estudos de Turismo Rías Baixas os países que maior crecemento turístico rexistrarán en España nos próximos cinco anos serán Rusia, China, Brasil e Estados Unidos.
Para localizar oportunidades e determinar as demandas máis usuais dos visitantes da provincia, Rafael Louzán e José Manuel Figueroa anunciaron que este tipo de reunións de traballo replicaranse nos próximos meses cos empresarios do sector nas diferentes comarcas, para reunir a maior cantidade de información posible e facer máis eficiente a toma de decisións estratéxicas.
Neste sentido, avanzaron tamén a próxima posta en funcionamento dunha páxina web renovada na que se integrarán maiores e mellores servizos para os turistas nacionais e internacionais. A intención é que o novo portal de Internet estea plenamente operativo no próximo mes de febreiro.
Ademais, Louzán e Figueroa resaltaron de forma especial o proxecto 'Smart Destinos' que desenvolve o organismo Turismo Rías Baixas, co patrocinio da UE e en colaboración co EOI, a consultora PricewaterhouseCoopers (PwC), a multinacional de telecomunicaciones Indra e o Goberno central, como experiencia piloto de potenciación do sector en España.
Smart Destinos pretende xerar unha ferramenta na Rede da que poderán valerse preto de 40.000 empresas da provincia relacionadas co turismo e os servizos para multiplicar as súas ofertas e compartir loxística. Ao mesmo tempo, supoñerá a creación da maior base de datos do turismo provincial en tempo real, que ampliará a gama de servizos e facilitará a toma de decisións estratéxicas. Todo iso pensado para mellorar a relación cos turistas e a capacidade de atracción nacional e internacional da marca Rías Baixas.
Relacionadas:
-
As Rías Baixas venderanse como un destino único de praia e interior
Por Redacción |
-
Os empresarios demandan publicitar as Rías Baixas promovendo eventos
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación saca a concurso a xestión das Pousadas do Salnés
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra perde Bolcotur: tras vinte anos na cidade, a Deputación lévaa para Vigo
Por Alejandro Espiño |