Chega a xuízo unha redada antidroga arredor do pub 'Zona 7' de Pontevedra
Por Natalia Puga
A Audiencia Provincial de Pontevedra xulgará o vindeiro 25 de outubro as consecuencias derivadas dunha redada antidroga realizada pola Policía Local da capital no pub 'Zona 7', ubicado na rúa Florez da zona monumental da cidade.
Haberá tres persoas sentadas no banquiño dos acusados. O principal imputado será o dono do local, M.A.T.M., para quen a Fiscalía solicita unha condena a sete anos de cadea como autor dun delito de tráfico de drogas. Pola mesma infracción penal deberán rendir contas C.E.L.A. (para quen o fiscal pide cinco anos de condena) e J.A.F.G. (un ano).
O operativo policial no que foron detidos realizouse o 29 de xaneiro de 2011 en resposta ás múltiples queixas realizadas polos veciños do contorno sobre a suposta venda de drogas no 'Zona 7'. Os tres acusados foron sorprendidos en posesión de cocaína e cannabis supostamente destinada á súa venta a clientes que captaban tanto dentro do pub como nas súas inmediacións.
A Policía Local sorprendeu a C.E.L.A. mentres intercambiaba con outro individuo unha dose de preto dun gramo de cocaína por 50 euros. Despois de presenciar a escena, os axentes procederon ao cacheo do invididuo, que levaba enriba catro envoltorios de cocaína, dous con dez gramos de sustancia e outros dous con menos de un gramo.
Ademais do bar pontevedrés rexistrouse un domicilio particular en Ponte Caldelas
Froito deste operativo policial foi rexistrado o domicilio de C.E.L.A. na parroquia de Xustáns, en Ponte Caldelas, no que foron intervidas pequenas cantidades de cocaína e cannabis. Este acusado xa foi condenado pola Audiencia Provincial a tres anos de prisión por tráfico de drogas no ano 2005.
O operativo tamén conlevou o rexistro do bar 'Zona 7'. Segundo recolle o fiscal no seu escrito de acusación, cando os axentes accederon ao mesmo observaron que o dono intentaba ocultar unha caixa de caudais na que posteriormente se localizaron 59 envoltorios de cocaína e 500 euros en billetes. Ademais, dentro do bar había clientes que tiñan no seu poder pequenas cantidades de estupefacientes que compraran a este acusado ou a terceiras persoas.
O terceiro imputado é un individuo que supostamente vendeu unha pequena cantidade de resina de cannabis a un dos clientes do local, J.A.F.G.