Solicitan colaboración para localizar os autores do envelenamento dunha colonia felina en Conde de Bugallal
Por Redacción
A concellería de Benestar Animal de Pontevedra pide a axuda da cidadanía para que a Policía poida dar cos responsables do evenenamiento detectado nunha colonia felina da cidade, na rúa Conde de Bugallal, así como do roubo de dous gatos rusos valorados entre os 600 e os 900 euros.
"Enviaremos cartas á veciñanza para que nos dean pistas que nos permitan identificar os infractores e, ao mesmo tempo, para concienciar sobre a necesidade de controlar e manter un bo estado de saúde das colonias felinas e a importancia de respectar a vida, o benestar e a integridade física dos animais. Todos debemos botar unha man para sinalar, perseguir e acabar dunha vez con estes actos de tortura e incivismo", explica o edil Marcos Rey.
Trátase duns actos, defende, que "non teñen cabida na nosa sociedade".
No que respecta ao roubo de dous gatos, produciuse na colonia próxima á ponte do Burgo. "Teñen unha considerable cotización no mercado, polo que o móbil deste crime resulta bastante evidente", afirma Rey.
O concelleiro lembra ademais que ao redor dunhas 50 persoas identificadas cos 'DNI gatunos' encárganse nestes momentos da alimentación e coidado das 137 colonias felinas existentes en Pontevedra, incluíndo a voluntarios particulares e membros das asociacións Difusión Felina, Huellas Felinas e Adopcións de Galicia. "Destas 137 colonias censadas unhas 58 xa están esterilizadas na súa totalidade, 37 teñen polo menos todos os machos ou todas as femias esterilizadas, e hai unhas 42 nas que estamos a enfocar as nosas accións", detallou.