A Deputación contratará persoal para as confrarías da provincia
Por Oskar Viéitez
A Deputación pon en marcha un Plan de axudas que supera o medio millón de euros e que inclúe a contratación de persoal para as confrarías da provincia de Pontevedra. Os patróns maiores das 23 confrarías de mariscadores de Pontevedra reuníronse este mércores no Pazo provincial co presidente da Deputación, Rafael Louzán, nun encontro ao que tamén asistiu a conselleira de Medio Rural e de Mar, Rosa Quintana.
Unha primeira liña de axudas está destinada á adquisición de semente para a rexeneración de bancos marisqueiros. Ademais considéranse fondos para a comercialización e un plan de formación para as mariscadoras.
Finalmente o aspecto máis novidoso é un plan de emprego, que segundo explicou o presidente da Deputación, Rafael Louzán, "preténdese que un grupo de titulados superiores recalen nas confrarías da provincia" para ocuparse de labores de xestión administrativa. Trátase dunha ampliación do plan xa existente dirixido a mozos titulados da provincia para que teñan o seu primeiro contrato-bolsa "sera para un grupo de ata corenta persoas, por un ano, coa intención de que, se se adaptan, poidan continuar nese posto de traballo", dixo Louzán.
Pola súa banda o presidente da Federación Provincial de Confrarías, José Antonio Gómez, agradeceu este plan, "especialmente a contratación de persoal, xa que en moitas confrarías se está a xubilar o persoal e pola crise non se renova". Mesmo admitiu que algunhas non poden facer fronte aos pagamentos para rexenerar os bancos.
A conselleira Rosa Quintana subliñou a súa "satisfacción" polo traballo que se está a desenvolver dende a institución provincial, que segundo dixo "está a tapar buratos" e que xunto á Xunta "nos complementamos perfectamente".
Quintana apuntou que todas estas liñas de axuda redundarán na posibilidade de aumentar os postos de traballo neste sector e sinalou a necesidade de mellorar a comercialización dos produtos galegos para o que "o primeiro temos que facer é mellorar a autoestima da nosa xente" e propuxo as empresas "que nas súas cestas de Nadal aposten polos produtos galegos".