Salvan unha cadela despois de comer penso envelenado nunha rúa de Portonovo
Por Redacción
O Centro de Acollida e Protección Animal de Armenteira (CAAN), dependente da Deputación Provincial de Pontevedra, recolleu o pasado xoves 5 de decembro en Portonovo unha cadeliña presuntamente envelenada na vía pública.
O animal, ao que no centro bautizaron co nome de Ker, puido salvar a vida grazas á rápida intervención do centro e da Garda Civil, que foi a que deu a alerta cunha chamada urxente ao centro. Trátase dunha cadela adulta, mestiza de bóxer, de cor canela, que presentaba desorientación e debilidade.
Ker está hoxe recuperada do envelenamento e atópase en perfecto estado, esperando unha adopción
Os axentes da Garda Civil informaron aos responsables do CAAN de que atoparan penso na rúa, con restos dun veleno que se usa para o control de caracois e babosas. Grazas á actuación dos axentes, que fixeron vomitar ao animal, á rápida chegada dos servizos de lazaría do CAAN, e ao tratamento que se lle administrou, Ker está hoxe recuperada do envelenamento e atópase en perfecto estado, esperando unha adopción.
Con este son xa dous os casos de intoxicación ou envelenamento recibidos e recuperados este ano no Centro de Acollida e Protección Animal de Armenteira. O primeiro dos cans xa foi adoptado por unha familia de Ferrol e, dende o centro, agárdase que Ker sega o mesmo camiño e atope un adoptante que poida coidar dela.
Calquera persoa interesada en adoptar a Ker ou a outro can poderá visitar o centro, consultar a páxina web ou chamar por teléfono ao 608 975 326, onde se lle ofrecerá toda a información e orientación que precise. A adopción non supón ningún custe para o interesado, a quen os animais lle son entregados completamente desparasitados, vacinados e identificados.
Relacionadas:
-
Alertan da morte por envelenamento de tres cans en parques de Marín
Por Manu Otero |
-
Recuperan en Armenteira un animal que apareceu atrapado nun lazo ilegal para a caza furtiva
Por Redacción |
-
Buscan fogar para Lucía e Luciana, dúas cadeliñas rescatadas dun contedor de auga en Sanxenxo
Por Redacción |
-
O centro de acollida de animais de Armenteira propiciou 50 adopcións nun mes
Por Natalia Puga |