A Deputación reivindica en Barcelona a importancia do liderado local na Axenda 2030
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra participa estes días nas Xornadas sobre Liderado Municipal coa Axenda 2030, que se celebra no marco da III Asemblea da Rede de Entidades Locais para a Axenda 2030 da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).
Estas Xornadas congregan no Paraninfo da Escola Industrial, en Barcelona, a máis dunha trintena de poñentes e de 200 responsables locais de todo o país para participar en diferentes mesas redondas e paneis de experiencias nas que se falou da necesidade de priorizar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) nas políticas locais.
En concreto, na segunda xornada, a deputada provincial de Proxectos Europeos, Iria Lamas, tomou parte na mesa "Diálogo centrado nos retos globais que nos quedan por diante para avanzar no cumprimento da Axenda 2030", moderada pola alcaldesa de Canyelles (Barcelona), Rosa Huguet e xunto coa presidenta da Rede Española de Desenvolvemento Sostible (REDS), Leire Pajín; a vicepresidenta cuarta e deputada de Políticas de Participación, Axenda 2030 e ODS da Deputación de Barcelona e alcaldesa de Santa Coloma de Gramenet (Barcelona), Núria Parlón, e o alcalde de Táliga (Badaxoz), David Fernández.
A deputada provincial destacou na súa intervención a referencia na que se ten convertido a Deputación de Pontevedra no cumprimento da Axenda 2030 e destacou o traballo realizado "aliñando os orzamentos e facendo políticas para chegar ao global desde o local".
No marco do encontro, a Deputación de Pontevedra tamén estivo presente no Consello de Goberno da Rede de Entidades Locais para a Axenda 2030, que aprobou a entrada de novos membros á mesma, o que eleva a 492 as entidades adheridas, un incremento do 20%, o que a leva a ser a Rede máis numerosa da FEMP. Este mércores, 16 de novembro, a III Asemblea da Rede pechará este encontro.
Relacionadas:
-
A Deputación pon en marcha o proceso para definir o modelo de provincia ata 2030
Por Oskar Viéitez |
-
O congreso internacional BNEW de Barcelona estuda a transformación das estradas provinciais
Por Redacción |
-
O Museo de Pontevedra é o primeiro de España en conseguir o selo de sostibilidade turística
Por Redacción |
-
O Goberno de España avala a Axenda Urbana da Deputación de Pontevedra
Por Redacción |