Convocada unha folga no comercio do metal para o martes 22 de novembro en toda a provincia
Por Anxo Lourido
Iván Veiga e Diana Rodríguez, de CIG-Servizos, anunciaban este xoves a folga que está convocada en toda a provincia para o vindeiro martes 22 de novembro. Este paro está organizado polos tres sindicatos maioritarios, UXT, CCOO e CIG, con motivo da ruptura das negociacións coa patronal do comercio do metal.
As accións de protesta comezarán este sábado 19 no Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) cunha concentración a partir das 12.00 horas.
Denuncian que os traballadores deste sector levan desde o ano 2019 cos salarios conxelados porque continúa o convenio colectivo prorrogado. Sinalan que son máis de 2.000 empregados na comarca con soldos baixos, de ao redor de mil euros, principalmente relacionados con recambios e accesorios de vehículos, concesionarios de automóbiles, electrodomésticos, ferraxerías e xoierías.
Iván Veiga explicaba que, no seu momento, se pediu á patronal a incorporación deste convenio ao do comercio vario, que afecta a outros sectores comerciais. A petición obtivo unha negativa por parte das empresas.
Na actualidade, despois de tres reunións, para tentar negociar o convenio para este sector seguen sen chegar a acordo. Desde a CIG consideran que esta situación de tensión se debe á postura da Asociación Autónoma de Empresarios de Talleres de Reparacións de Vehículos de Pontevedra (ATRA), que tamén se negou á intervención da administración competente para tentar resolver o conflito. Na última xuntanza decidiron dar marcha atrás á negociación e romper o diálogo establecido.
Desde os sindicatos sinalan que a patronal só quere reducir a negociación ao tema salarial sen tratar outras condicións laborais. Desde ATRA anuncian que estarán a disposición das empresas asociadas para recibir todas as incidencias que poidan producirse durante a xornada de folga e que tomarán a iniciativa nas accións que se deriven dese paro.