Así viviron a 'Behobia' no equipo pontevedrés "Ponte a correr"
Por Oskar Viéitez
Fieis á súa cita coa 'Behobia' o equipo pontevedrés "Ponte a correr Citic Censa" participou outro ano máis nesta proba deportiva que suma máis dun século de historia.
Miguel, Juanjo, Tania, Manolo Fernández, Manu, Chema, Diego, Santi Méndez, Santi Rodilla, Sefi, Marisé, Manolo Pazos e Gonzalo saíron de Pontevedra o sábado, na véspera da carreira e, como adoitan facer, pararon en Santander onde comeron co pontevedrés Juan Domínguez Munáiz que foi concelleiro de deportes nese concello e actualmente é profesor nun instituto da capital cántabra.
Xa era de noite cando chegaron ao hotel, a seis quilómetros de Irún. Tiñan reservadas as súas habitacións desde hai un ano xa que as prazas hostaleiras da zona esgótanse ante esta carreira que ten unha importantísima repercusión económica.
A Behobia San Sebastián celebrou a súa primeira edición o 30 de marzo de 1919, naquela ocasión participaron unha vintena de atletas. O pasado domingo, 13 de novembro, había 29.732 persoas rexistradas nesta 57ª edición aínda que alcanzaron a meta 24.184 participantes. Este ano, o 28,7% dos participantes rexistrados foron mulleres.
O récord de rexistrados na Behobia-San Sebastián foi de 34.000 corredores no ano 2015. Desde entón estableceuse un tope de 30.000 dorsais.
Aínda que os organizadores da proba xa teñen moita experiencia acumulada, ao mover a tanta xente sempre xorde algún problema. Por exemplo, Renfe e EuskoTren habilitaran con tal ocasión un billete especial válido só para corredores para chegar á saída antes da carreira, pero estes trens, coñecidos como "topos", foron insuficientes para trasladar á multitude que apostou por este servizo ferroviario. Afortunadamente, os nosos protagonistas pontevedreses dispoñían do microbús que contrataran e puideron chegar sen maiores problemas.
Actualmente, a carreira conta cunha distancia non homologada de 20 quilómetros desde o fronteirizo barrio de Behobia, na cidade de Irún, ata a capital guipuscoana, con 192 metros de desnivel positivo. O punto máis elevado está no alto de Gaintxurizketa.
O rango de idade con maior cantidade de rexistrados na Behobia San Sebastián é o que vai de 41 a 45 anos. En segundo lugar, está o rango de 46 a 50 e en terceiro lugar o que vai de 31 a 35. Con todo, na última edición, rexistrouse un incremento considerable dos participantes que teñen entre 26 e 30 anos de idade.
A saída da carreira está organizada en 19 grupos. A hora de saída e o grupo van marcados no dorsal en función das marcas realizadas noutras probas similares.
Durante a carreira, a inesperada calor de ata 26 graos en pleno novembro e a falta de preparación e hidratación de moitos participantes provocou que se atendesen tres infartos e ata 125 persoas sufriron un golpe de calor.
Do grupo de corredores pontevedreses, salvo dous que causaron baixa, o resto completaron a carreira sen problemas aínda que, pouco antes de chegar a meta, Miguel, que é médico, tivo que deterse para reanimar a un atleta desfallecido por un golpe de calor.
Non se trata de ningunha broma, xa que o ano pasado un corredor perdeu a vida. Nos últimos 20 anos, a cifra de falecidos sitúase en seis.
Afortunadamente, nesta edición todo quedou nun susto e púidose celebrar unha xornada plenamente festiva e comentar cun sorriso todas as anécdotas desta mítica carreira para a que os de "Ponte a correr" xa reservaron hotel para o próximo ano.