Os donos de La Cross acatan a orde de suspensión de actividade pero recorrerán aos tribunais
Por Alejandro Espiño
A actividade na nave de La Cross "é segura e está autorizada". Así o sostén o Grupo Nogar a través dunha das súas filiais, denominada Complexo Industrial de Campañó (Cicasa). A pesar diso, aseguran que acatarán a orde de suspensión de actividade que pesa sobre eles.
O Concello rexeitou o recurso presentado pola compañía a ese decreto, que lles obriga a paralizar o almacenamento e distribución de cereais e produtos forestais desde os almacéns que esta empresa ten en propiedade.
Os propietarios argumentaran no seu recurso que a nave de La Cross cumpre todos os parámetros legais de seguridade esixibles para este tipo de actividades e instalacións.
Ademais, identificaban tamén a inmediata instalación de novos elementos de protección e accesorios que, segundo a compañía, permitirían o normal desenvolvemento da actividade.
A firma considera que, dado que os almacéns están "perfectamente habilitados" para prestar a súa actividade, tanto por medidas de seguridade como polas súas características de almacenaxe, vese "obrigada" a adoptar as accións legais e administrativas pertinentes.
Avanzan que non descartan acudir aos tribunais de xustiza "para tentar que prevalezan os nosos argumentos e poder seguir desenvolvendo a nosa actividade", ao considerarse como uns almacéns "estratéxicos" para o abastecemento do sector agroalimentario galego.
A notificación municipal impide á empresa almacenar nova mercadoría nas súas naves e obriga a ir retirando progresivamente a actualmente almacenada.
"Aínda a pesar de non compartila, Cicasa cumprirá a orde de suspensión municipal", sostén a compañía, dando saída á mercadoría a medida que o requira a industria consumidora, "sen poñer en risco o abastecemento de graneis alimentarios en condicións de máxima seguridade".
Relacionadas:
-
Falece un operario na Fábrica da Cross ao caer do tellado cando realizaba labores de reparación
Por Redacción | Creada e actualizada
-
La Cross almacena 96.000 toneladas de gran, o dobre das que había na Pontesa
Por Alejandro Espiño |
-
La Cross, suspendida de actividade por orde do Concello: "Non podemos permitir que o de Pontesa volva suceder"
Por Alejandro Espiño |
-
Galigrain si ten na nave de La Cross medidas de extinción de incendios que faltaban en Pontesa
Por Natalia Puga |